O BNG segue apostando pola Casa da Maxia

O BNG segue apostando pola Casa da Maxia

Texto íntegro da moción presentada para debate no pleno ordinario do venres 1 de marzo

A Casa da Maxia foi un proxecto iniciado polo BNG en 2008 que recibiu financiamento europeo e que permitiu recuperar para este fin un edificio na zona sur da zona histórica da cidade. A presentación do proxecto acadou unha resposta positiva por parte da poboación e o compromiso do Concello para levar a cabo unha proposta singular, que unha vez posta en marcha atraería a atención de miles de visitantes.

O proxecto de rehabilitación adaptouse no seu deseño e estrutura á finalidade específica á que fora destinado polo Concello, tendo en conta as propostas presentadas pola Asociación de Magos Profesionais de Galicia, que dende o principio colaborou activamente no desenvolvemento de este proxecto. A rehabilitación rematou en 2009, aínda que algúns defectos e problemas coa empresa promotora atrasaron a definitiva recepción das obras até o ano 2011, aprobándose nos orzamentos de 2012 unha partida de 130.000 euros para os contidos da Casa da Maxia que permitiría abrir ao público este singular equipamento cultural a comezos de 2013.

Trala reconfiguración do goberno da cidade, a nova responsable da Concellería de Cultura ten anunciado que ese edificio rehabilitado será destinado a completar os servizos do Centro Cívico existente no inmoble veciño, negándolle a toda a cidadanía a posibilidade de ilusionarse coa Casa da Maxia, despois de tantos esforzos humanos e materiais.

Estas declaracións levaron á Asociación de Magos Profesionais de Galicia a presentar un comunicado o pasado venres día 22 de febreiro no que se facía un chamamento a todos os grupos municipais, tanto do goberno como da oposición, para reconducir esta situación dende o diálogo, e solucionar a definitiva consolidación deste proxecto para que a Casa da Maxia, como tal, puidese abrir ao público no prazo máis breve posible.

O Grupo Municipal do BNG presenta hoxe esta moción co mesmo fin, a consolidación da Casa da Maxia, e faino con base en tres razoamentos que cremos deben servir para acadar ese suma de vontades necesaria para reconducir a actual situación. En primeiro lugar, a existencia dunha partida nos orzamentos do 2012 de 130.000 euros para completar o proxecto, de tal forma que non é necesario facer un gasto maior que o xa aprobado para que Ourense poida contar cun novo recurso cultural do que se beneficiarán todos os seus habitantes, independentemente da súa idade. En segundo lugar, debemos ter en conta que a rehabilitación se fixo profundamente condicionada polo seu uso, como afirmaron os arquitectos autores do proxecto, de tal xeito que promover un reacondicionamento podería provocar máis gastos pola redefinición funcional ou ben que as instalacións se abrisen sen a súa necesaria adaptación. Por último, cremos que no proceso de reconfiguración deste sector da zona histórica da nosa cidade ten moito máis sentido un proxecto de indubidable atracción turística como o da Casa da Maxia que unha ampliación do Centro cívico xa existente, e referímonos á apertura do Centro de Interpretación das Burgas, os futuros apartamentos turísticos termais e o Estudo de Detalle da Unidade de Actuación 15 do PEPRI, que posibilita a construción dun novo hotel, todo inserido no mesmo espazo.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

- Continuar co proceso xa iniciado de apertura de concurso público para completar a dotación da Casa da Maxia, co importe máximo establecido nos orzamentos de 2012.

- Consolidar o proxecto iniciado en 2008 da Casa da Maxia de Ourense para que, unha vez finalizada a instalación do seu mobiliario e os contidos escenográficos, a nosa cidade poida contar cunha referencia cultural singular, un novo elemento de recualificación da zona histórica e un recurso turístico de proxección internacional.

Ourense, 25 febreiro de 2013

O voceiro do Grupo Municipal do BNG

D. Xosé Somoza Medina

O BNG segue apostando pola Casa da Maxia