Integrar Ourense na rede de Cidades Amigábeis coas Persoas Maiores
Segundo os datos máis recentes publicados polo INE, en Ourense viven 107.597 persoas, das cales 30.998, case o 30%, teñen máis de 60 anos.
A Organización Mundial da Saúde publicou en 2007 unha guía para mellorar a calidade de vida das persoas maiores nos espazos urbanos, promovendo a creación dunha rede mundial de Cidades Amigas das Persoas Maiores. En base aos criterios establecidos por esta organización mundial foronse engadindo cidades á rede ate formar hoxe en día un conxunto de máis dun centenar de urbes de 22 países diferentes.
O BNG, consciente da necesidade de mellorar o habitat urbano que é moitas veces agresivo e discriminatorio cos nosos maiores, considera un compromiso con ese 30% da cidadanía facer de Ourense a primeira cidade do país que se acolla a esta rede, e que sexa recoñecida pola OMS como Cidade Amiga das Persoas Maiores.
Por iso dentro do Consello Municipal das Persoas Maiores, o BNG promoveu a creación dun grupo de traballo con este obxectivo concreto e na última reunión, as persoas que ali nos reunimos creímos acaído dar o seguite paso na formalización de este proxecto comunitario e participativo, solicitando ao Pleno do Concello a adscripción da nosa cidade a esta rede, para que Ourense sexa unha cidade máis favorable ás necesidades das persoas de maior idade.
Para adherirse á rede débense de cumprir unha serie de premisas e establecer un acordo político e cidadán que leve á mellora continua da cidade en oito ámbitos específicos: Espazos ao aire libre e edificios; transporte; servizos sociais e de saúde; redes e apoio social; empleo e participación; vivenda; respeto e inclusión social; e comunicación e información.
Na primeira fase creanse os mecanismos para lograr a participación en todo o proceso das persoas maiores, pois o éxito da iniciativa depende do seu grao de participación directa, despois son estas persoas as que voluntariamente avalían a adaptación da cidade as súas necesidades e en función deste exame feito pola cidadanía formúlase un plan trienal de actuación para toda a cidade que resolva as dificultades atopadas, xerando unha serie de indicadores para o seguimento do proceso. O plan de acción é entón presentado a OMS para súa certificación e a definitiva inserción da cidade na rede.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Solicitar a integración de Ourense na Rede de Cidades Amigas das Persoas Maiores da Organización Mundial da Saúde.
Ourense, 31 xaneiro de 2013