MOCIÓN SOBRE O ACONDICIONAMENTO DUN PARQUE COMO ESPAZO PARA BICIS E A CREACIÓN DUNHA ESCOLA MUNICIPA

MOCIÓN SOBRE O ACONDICIONAMENTO DUN PARQUE COMO ESPAZO PARA BICIS E A CREACIÓN DUNHA ESCOLA MUNICIPA

Ourense rexistra cada “Día da Bici” unha gran cantidade de participantes que amosan nas rúas da nosa cidade que este medio de locomoción está bastante estendido e que, en moitos casos, supón unha forma de ocio en familia, pois moitos nenos e nenas son acompañados polas súas nais e pais nesa xornada de exaltación da bicicleta. A pesar diso, Ourense non conta cun espazo específico onde estas rapazas e rapaces poidan practicar con seguridade este deporte.

Outras moitas cidades teñen acondicionado algún dos seus parques para que nenos e nenas poidan afeccionarse ao ciclismo, cun pequeno circuíto de BMX, aneles de velocidade ou series de obstáculos móbiles para adestrar as habilidades dun deporte que é moito máis que seguir as tradicionais voltas ciclistas, pois tamén permite formar en valores ás novas xeracións.

A nosa cidade ten o servizo de préstamo de bicicletas BICIOurense e dispón dun paseo recentemente sinalizado nas beiras dos ríos para practicar o sendeirismo, pero fáltalle un espazo polivalente, básico e popular que poida servir como base para o nacemento dunha Escola Municipal de Ciclismo, a semellanza do que acontece nos concellos de Maceda ou O Pereiro de Aguiar, onde iniciativas deste tipo lles permitiron a ducias de rapazas e rapaces iniciarse nas diferentes modalidades de ciclismo ademais de formarse noutras cuestións e valores como seguridade viaria, compañeirismo, respecto polo medio ambiente ou alimentación saudábel, mentres practicaban unha actividade física.

Esta proposta non necesitaría un grande investimento, posiblemente menos do que custou a sinalización do paseo ao que facíamos referencia antes, pois existe un parque próximo ao Pavillón dos Remedios, entre a rúa do Bispo Lourenzo e a autovía, perfectamente resgardado destes viais, que cun pequeno reacondicionamento do terreo para crear suaves ondulacións curvas peraltadas, pequenos saltos, anel exterior e módulos móbiles de madeira podería supor un excelente exemplo de parque para bicis e sede da Escola de Ciclismo de Ourense.

Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

1.Que se proceda ao reacondicionamento do parque entre a Rúa do Bispo Lourenzo e o acceso centro da autovía como un espazo para bicicletas, polivalente, básico e popular.

2.Que o Concello fomente a creación dunha Escola Municipal de Ciclismo que teña neste parque reacondicionado a súa sede.

Ourense, agosto de 2014

MOCIÓN SOBRE O ACONDICIONAMENTO DUN PARQUE COMO ESPAZO PARA BICIS E A CREACIÓN DUNHA ESCOLA MUNICIPA