MOCIÓN SOBRE AS ORDENANZAS FISCAIS DO EXERCICIO 2015

MOCIÓN SOBRE AS ORDENANZAS FISCAIS DO EXERCICIO 2015

Hai nove meses, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción arredor das ordenanzas fiscais do 2014. Xa expuxemos daquela que consideramos necesaria unha reforma de todo o sistema fiscal do Concello para buscar unha maior progresividade; para exercer máis presión fiscal sobre a riqueza mediante os impostos e, ao mesmo tempo, facilitarlles ás persoas con menos recursos afrontar as obrigas tributarias. Na situación actual, na que a fenda social se consolida, cómpre máis ca nunca articular mecanismos de redistribución da riqueza aplicando criterios de progresividade nos impostos mentres que, paralelamente, se deben desenvolver diferentes sistemas de compensación como son as exencións do pagamento do imposto ou bonificacións a aquelas persoas que acrediten menor patrimonio ou ás que se vexan especialmente afectadas pola conxuntura económica actual.

Así mesmo, un concello que busca o equilibrio social debe optar pola conxelación das taxas, para evitar a discriminación das persoas con menos recursos no acceso aos servizos que presta a administración local.

Nesta altura do ano no que o grupo de goberno aínda non lles achegou aos grupos da oposición a súa proposta de modificación das ordenanzas fiscais para o ano 2015, o BNG presenta esta moción para abrir o debate sobre dous aspectos.

En primeiro lugar, queremos lembrarlle ao Pleno que foron aprobadas en novembro do 2013, e nunca implantadas, as seguintes propostas:

Por un lado, solicitabamos “Como mecanismo de xestión aplicable a todos os impostos, propoñemos que se establezan facilidades para o pagamento por parte daquelas familias que teñan a todos os seus membros no paro, mediante a posibilidade de fraccionar os pagos sen que se lles apliquen os xuros correspondentes.”

Respecto a este acordo, na xunta de área de Facenda do 28 de maio informóusenos do seguinte: “En relación co fraccionamento de pagos sen aplicación de intereses, sendo unha posibilidade contemplada polo artigo 10 da lei de facendas locais, só é preciso modificar a ordenanza xeral de xestión, liquidación e recadación. En canto se formalice a orde para a modificación iniciaranse os trámites correspondentes, sendo aconsellable a día de hoxe e por operatividade que tal modificación se leve a cabo no procedemento de modificación de ordenanzas para o ano 2015.”

Así mesmo, aprobouse “Na Ordenanza do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana incluír a suspensión cautelar da liquidación das plusvalías aos afectados por procesos de execución hipotecaria e dación do inmoble en pago da débeda hipotecaria de vivendas de residencia única e habitual.”

Pero, con respecto a este acordo, infórmasenos na mencionada xunta de área que “a suspensión en si mesma requiriría dunha modificación lexislativa”. Parece ser que hai concellos que atopan a maneira de interpretar a lei de xeito que non se cargue sobre as persoas desafiuzadas o imposto, pero no concello de Ourense, os seus responsables non fixeron o máis mínimo esforzo para buscala.

E, por último, aprobouse no pleno “Na Ordenanza reguladora do prezo público pola prestación de servizos ou a realización de actividades educativas, no punto no que se establecen os criterios de selección de alumnos e a súa ponderación, débese establecer unha gradación máis xusta no apartado correspondente á renda da unidade familiar.”

Sobre isto dise que “en data 14/11/2013 remitiuse copia da votación da moción á concelleira de Educación, por ser o órgano competente para a tramitación do acordado”. Porén, nunca se nos dixo ren sobre esta cuestión, polo que volvemos traela a este Pleno.

En segundo lugar, queremos volver insistir nesta ocasión na necesidade de modificar a Ordenanza reguladora do imposto sobre bens inmobles pola incidencia que ten na cidadanía e co fin de conseguir unha redistribución das cargas. Polo mesmo motivo, traemos de novo a cuestión da suba do IPC no Imposto de Actividades Económicas.

Propomos ademais a modificación doutras ordenanzas fiscais, segundo se expón nos acordos.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguintes

ACORDOS

1.Que se tomen as medidas necesarias para que os acordos adoptados, por instancia do BNG, no pleno de novembro do 2013 sobre a modificación das ordenanzas fiscais sexan implantados sen máis demora no ano 2015.

2.Modificación da Ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre os bens inmobles no seguinte sentido:

I.Incluír no cobro do IBI aquelas propiedades pertencentes á Igrexa católica que non están exentas segundo a lei de facendas locais e o acordo entre a Santa Sede e o Goberno español sobre asuntos económicos

II.Incrementar até os 20 € a cota líquida con dereito a exención do IBI no caso dos inmobles urbanos ou conxunto de inmobles rústicos dun mesmo suxeito.

III.Para os inmobles de uso residencial que se atopen desocupados con carácter permanente (no caso de segundas, terceiras e demais vivendas dun mesmo suxeito) esixirase un recargo sobre a cota líquida do imposto dun 50%.

IV.En canto ás bonificacións, as vivendas de protección oficial e equiparables terán unha redución do 50% da cota mentres se manteña esta cualificación. Así mesmo, a redución no caso de domiciliación do pagamento increméntase até un 3%, para equiparala ao caso do pagamento do imposto sobre vehículos.

3.Na Ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras débese incluír unha bonificación do 10% cando se trate da reforma da vivenda habitual, no caso de propietarios cunha única vivenda e con rendas non superiores ao 1,5 IPREM.

4.Aplicación da actualización do IPC no imposto sobre actividades económicas, tendo en conta que soamente están suxeitas ao seu pagamento as sociedades cuxa cifra de negocios ten un importe neto de un millóns de euros ou superior.

5.Conxelación de todas as taxas e prezos públicos de servizos prestados polo concello, coas seguintes excepcións:

I.Na Ordenanza fiscal reguladora das taxas por aproveitamento especial ou utilización privativa do dominio público local consideramos necesario incremento do 100% na tarifa para “caixeiros automáticos de entidades financeiras instalados nas fachadas ou ocupando as beirarrúas ou vías públicas”.

II.Na Ordenanza fiscal reguladora da taxa por aproveitamento especial do dominio público local, a favor de empresas explotadoras de servizos de subministración de interese xeral, posto que a cota trimestral se establece con base na facturación declarada pola operadora, solicitamos que se reforce a inspección deste imposto co fin de actualizar estes datos.

6.Na Ordenanza fiscal reguladora da taxa por expedición de documentos administrativos, ademais da conxelación solicitamos redución drástica e unificación das tarifas por certificados por se tratar de documentación que precisan os cidadáns para o exercicio dos seus dereitos.

Ourense, xullo de 2014

MOCIÓN SOBRE AS ORDENANZAS FISCAIS DO EXERCICIO 2015