MOCIÓN SOBRE A RECUPERACIÓN DAS FONTES TERMAIS DO ANTIGO BALNEARIO DAS CALDAS

MOCIÓN SOBRE A RECUPERACIÓN DAS FONTES TERMAIS DO ANTIGO BALNEARIO DAS CALDAS

O antigo balneario das Caldas estaba situado aproximadamente na zona entre as actuais Torres do Pino e a beira dereita do Miño. Hoxe está totalmente derrubado e soamente se ven restos das paredes e os mananciais de auga quente medicinal.

Hai moitas referencias ao balneario. No ano 1881 falábase de que era un edificio novo con 15 pías, sala de duchas e pulverizacións, habitacións en alugueiro, fonda e xardíns. As súas augas tiñan propiedades recoñecidas no ámbito da medicina e, nalgún caso, incluso foron receitados uns baños para paliar algunha doenza.

Actualmente pásalle por riba o acceso á autovía e alí soamente queda un descampado con mal acceso e sen ningún tipo de acondicionamento para o seu uso. A pesar diso, acoden alí moitas persoas pola calidade da auga que deitan os canos.

Nunha cidade que ten o termalismo como sector estratéxico pódense dar pequenos pasos. A recuperación e posta en valor de todos os mananciais termais localizados no concello pode ser un obxectivo que non require dun grande investimento nunha época na que os grandes investimentos non dan arrancado, porén tería moita repercusión tanto nos residentes como no turismo.

En casos coma este que se expón aquí cómpre coñecer a quen lle pertencen os terreos e quen ten a titularidade das augas para poder chegar a un acordo, tanto se se trata de entidades públicas como de persoas físicas, e conseguir a recuperación da zona para o uso público cunhas mínimas condicións de accesibilidade e hixiene se for posible.

Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

1.Que a Concellaría de Termalismo faga as indagacións necesarias para determinar a propiedade dos terreos nos que se sitúa a fonte do antigo balneario das Caldas e mais das propias fontes.

2.Que o Concello dea os pasos necesarios para chegar a un acordo cos propietarios co fin de que as fontes e os accesos poidan ser recuperados para o uso público nunhas condicións mínimas de accesibilidade e hixiene.

3.Que se indague se hai outros casos similares dentro do termo municipal e, se é así, que se siga este mesmo procedemento para a súa recuperación e aproveitamento.

Ourense, agosto de 2014

MOCIÓN SOBRE A RECUPERACIÓN DAS FONTES TERMAIS DO ANTIGO BALNEARIO DAS CALDAS