MOCIÓN SOBRE A DECLARACIÓN DO CONCELLO DE OURENSE COMO ZONA LIBRE DE TRANSXÉNICOS

MOCIÓN SOBRE A DECLARACIÓN DO CONCELLO DE OURENSE COMO ZONA LIBRE DE TRANSXÉNICOS

A obtención de alimentos modificados xeneticamente é un dos temas máis polémicos dos últimos anos, con posicionamentos enfrontados nas propias centrais sindicais agrarias. O BNG sempre estivo en contra de impulsar este tipo de cultivos e en novembro de 2008 presentou unha proposta no Parlamento galego para declarar Galiza Zona Libre de Transxénicos, que foi emendada por PSOE e PP variando o texto máis ambicioso que propuñan os nacionalistas.

En Europa existen moitos territorios que se teñen declarado Zonas Libres de Transxénicos, desde Estados como Francia, Grecia, Italia, Austria ou Polonia, a outras nacións e rexións como Escocia, Gales, Valonia, Córsega ou Bavaria. En toda Europa son máis de 4.700 concellos os que xa asinaron a declaración de Zona Libre de Transxénicos, unha declaración de carácter simbólico, pois é a lexislación estatal e europea a que condiciona a posibilidade destes cultivos, debendo sinalar que España é o único país europeo que cultiva organismos xeneticamente manipulados (OXM) a grande escala.

No Estado español asinaron esta declaración comunidades autónomas como Asturias, Canarias, Baleares ou Euskadi, provincias como Málaga, comarcas como o Priorato ou o Penedés e máis de 200 concellos, entre os que se poden citar os de cidades como Albacete, Palencia, Vitoria-Gasteiz ou Sabadell.

En Galiza máis de 30 concellos son xa Zonas Libres de Transxénicos, incluída a capital, Santiago de Compostela. Na maioría dos casos estas declaracións partiron de mocións presentadas polo BNG, ben no goberno ou ben na oposición, que recibiron o apoio das outras forzas políticas.

Os coñecementos científicos actuais non permiten establecer con exactitude as consecuencias das culturas de OXM; existe unha grande incerteza sobre as súas consecuencias para a saúde humana, sobre as posibilidades de contaminación de variedades non OXM ou sobre a redución da biodiversidade entre outros aspectos. Ademais as especificidades dos sistemas de produción agrarios na Galiza, con presenza de variedades de millo autóctono do que é importante preservar a súa pureza varietal, deben impulsar a necesidade de que se defenda o principio da precaución, pois nunha situación de coexistencia de ambos tipos de cultivo, as normas e leis deben favorecer aos cultivos convencionais, tradicionais e ecolóxicos en detrimento dos OXM, pola maior importancia económica e social dos cultivos tradicionais e ecolóxicos e pola defensa do consumidor.

A manipulación xenética está indo da man dunha crecente mercantilización dos recursos xenéticos que pon en perigo a autonomía de decidir sobre os nosos sistemas produtivos e a seguranza alimentar, reforzando o oligopolio dos mercados de sementes, agroquímicos e alimentos, e tornando a nosa alimentación cada vez máis dependente dun feixe de grandes empresas transnacionais.

Por último, debemos expor que en Ourense estase a desenvolver o proxecto europeo “Come Ourense” que ten entre os seus obxectivos fomentar a produción, distribución e promoción dunha alimentación local sustentable, saudable e ecolóxica. Uns principios que se poderían ver reforzados con esta declaración.

Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

1.- Declarar o Concello de Ourense “Zona Libre de Transxénicos”.

2.- Solicitar da Xunta de Galicia que estude a posibilidade de establecer unha declaración similar para todo o territorio galego.

3.- Demandar unha modificación do cadro normativo a nivel estatal e da UE para que as autoridades rexionais poidan definir o seu propio territorio como zona libre de organismos xeneticamente modificados (OXM) sen que esta decisión sexa considerada como unha infracción ao principio da libre circulación de mercadorías.

Ourense, setembro de 2014

MOCIÓN SOBRE A DECLARACIÓN DO CONCELLO DE OURENSE COMO ZONA LIBRE DE TRANSXÉNICOS