MOCIÓN SOBRE A CONCESIÓN MUNICIPAL A LINORSA

MOCIÓN SOBRE A CONCESIÓN MUNICIPAL A LINORSA

A proposta do BNG, a comisión informativa sobre A Muiñeira solicitou nas súas conclusións, aprobadas por unanimidade, a creación dun servizo municipal que encargarase do control e seguimento das concesións administrativas municipais. Xa daquelas, os catro grupos políticos tiñamos a certeza de que era necesario un maior control sobre as posibles irregularidades que cometían as empresas concesionarias, sabedoras das dificultades administrativas e burocráticas que supón para o Concello iniciar expedientes de sanción ou mesmo de rescate dunha concesión que xere problemas. Os exemplos son múltiples e variados, desde o estado da pasarela do Parque Barbaña ligada á concesión da cafetería, pasando pola sanción a Acciona por incumprimentos e o seu percorrido ou os propios problemas que derivaron na creación da comisión sobre A Muiñeira.

Aprobadas as conclusións mencionadas non se implementou esa unidade de seguimento das concesións e, meses despois, unha empresa concesionaria dun servizo municipal atreveuse, sen aparentes problemas inicialmente e sen comunicarllo previamente ao Concello, a deixar sen salario a 50 traballadoras da limpeza dos centros escolares de Ourense.

No contrato administrativo do servizo de limpeza de centros educativos municipais dependentes do Concello de Ourense, o prego de cláusulas administrativas establece as obrigas do contratista e no artigo 25 epígrafe l) di “Cando o contratista, ou persoas del dependentes, incurran en actos ou omisións que comprometan ou perturben a boa marcha do contrato, o Concello de Ourense poderá esixir a adopción de medidas concretas para conseguir ou restablecer a boa orde na execución do contratado”, mentres que o artigo 26 fixa as obrigas laborais do contratista, entre as que figura loxicamente o cumprimento das disposicións legais vixentes en materia laboral e de Seguridade Social. Polo tanto, a situación actual na que a empresa concesionaria, LINORSA, non chegou coas traballadoras a ningún acordo e sen comunicárllelo a elas nin ao Concello deixou de aboar as nóminas do mes de setembro, é motivo suficiente para impoñerlle a esta empresa una sanción grave segundo o tipificado no epígrafe f) do artigo 31 relativo a Infraccións, tendo en conta ademais os retrasos continuos no pago de anteriores nóminas.

De reiterarse esta situación e non aboar a parte que aínda adebeda ás traballadoras, a empresa podería ser sancionada por cometer unha infracción moi grave, ou ben recibir esa sanción pola falta de prestación do servizo nun período superior a cinco días, feitos ambos que á súa vez poderían ocasionar como penalidade imposta polo Concello a resolución do contrato.

As traballadoras piden solucións e apoio por parte do Concello de Ourense para acadar o que por xustiza reclaman, que a empresa pague polo traballo que xa fixeron, que lle ofreza alternativas claras para cobrar os seus salarios e que a situación actual dure o menos posible.

O contrato con LINORSA asinouse o 24 de agosto de 2012, por un período de dous anos con dúas posibles prórrogas anuais até un máximo de catro anos, sendo aprobada a primeira prórroga na xunta do goberno local do 21 de maio de 2014. O que hoxe parece evidente é que o Concello non debería aprobar unha segunda prórroga para o ano 2015.

Se a empresa ten a intención de pagarlles ás traballadoras pode chegar a un acordo co Concello para empregar a garantía contractual, que ascende a 69.982,36 € e, segundo as cláusulas asinadas, ten como finalidade garantir o cumprimento das obrigas que se derivan do contrato, ou ben para que o Concello poida pagarlles directamente ás traballadoras. Esa solución serviría para lles facer fronte aos pagos inmediatos que adebedan ás traballadoras até que remate a concesión no mes de xuño. A solución que se adopte cando remate este período debería ter en conta as dificultades que, en xeral, están provocando as concesións municipais.

Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

1.- Iniciar un expediente sancionador contra LINORSA por incumprimento do contrato administrativo do servizo de limpeza de centros educativos municipais dependentes do Concello de Ourense.

2.- Renunciar á posible segunda prórroga deste contrato.

3.- Articular unha solución para que as traballadoras do servizo municipal de limpeza dos centros educativos municipais poidan cobrar integramente as súas nóminas.

4.- Incluír en todos os pregos de novas concesións administrativas, de forma expresa, a infracción de non pagar ás nóminas ao persoal como sanción moi grave que posibilite a resolución do contrato por parte do Concello.

Ourense, outubro de 2014

MOCIÓN SOBRE A CONCESIÓN MUNICIPAL A LINORSA