MOCIÓN SOBRE DISCIPLINA ORZAMENTARIA E PAGO A ACREDORES
No pasado Pleno ordinario do mes de setembro, o goberno municipal levou para a súa aprobación unha modificación orzamentaria, utilizando a figura dos créditos extraordinarios, que ascendía a un total de 716.372,00 euros. Esta modificación foi rexeitada polo BNG e polos outros dous grupos da oposición, de tal xeito que os once votos do grupo de goberno do PSOE non foron suficientes para poder habilitar eses recursos económicos, cos que poder facer fronte ás débedas xurdidas en exercicios anteriores que non puideron ser tramitas naquel intre por falta de consignación orzamentaria.
Novamente, no presente Pleno do mes de outubro o goberno socialista volve a traer a mesma modificación de crédito, coa mesma intención, logo de reiterar ante os medios de comunicación que non entendía a postura da oposición (nomeadamente BNG e PP) á que facía directamente responsable de moitas das facturas que aparecían no expediente, algo totalmente falso.
O artigo 177.1 do Texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais expón que cando se teña que realizar algún gasto que non poida demorarse ata o exercicio seguinte e non exista no orzamento da corporación crédito ou sexa insuficiente ou non ampliable o consigando, o presidente da corporación ordenará a incoación dun expediente de concesión de crédito extraordinario, no primeiro caso, ou de suplemento de crédito, no segundo. Segundo este artigo, a clave de interpretación para saber o que se pode ou non considerar como crédito extraordinario está na calidade do gasto de non poder demorarse ata o exercicio seguinte. Ademais de ser necesario, como figura na lexislación a incoación dun expediente de concesión de crédito antes de facer efectivo ese pago.
Dunha primeira análise da información sobre as 77 facturas que aparecen no expediente, porque a pesar de ser solicitadas por rexistro o equipo de goberno non nos facilitou copia delas, o grupo municipal do BNG considera que menos de cinco poderían considerarse como gastos sobrevidos que non poden demorarse ata o exercicio seguinte.
Sobresaen polo seu importe dúas facturas de Aquagest de 2006 e 2007 por importes de 100.340,02 euros e 365.188,35 respectivamente, unha de Aguas de las Cuencas de España de 147.000,00 de 2013 (reflectida no proxecto de orzamentos para 2014) ou outra de TRAGSA por valor de 44.147, 52 euros de maio de 2014. Sumando esta última factura e ás dúas primeiras supoñen máis do 71% do total da modificación de crédito solicitada. Por debaixo destas tres e con importes menos importantes aparecen outras moitas, ata 77, que se corresponden con facturas a medios de comunicación, empresas de publicidade, provedores de diversas subministracións, asociacións culturais, editoriais e librarías. Compras feitas ou servizos prestados ás distintas concellerías sen ter consignación orzamentaria.
Esta situación non é nova dentro da xestión económica do grupo socialista e, de feito, o BNG pretendeu en repetidas ocasións, cando formaba parte do goberno local, tratar co PSOE a falta de disciplina orzamentaria dalgunhas concellerías que sempre gastaban máis do orzamentado, cando as concellerías nacionalistas debían quedar suxeitas aos recursos consignados.
O grupo municipal do BNG considera que non se pode enganar aos proveedores, e máxime nos tempos de crise económica que padecemos. Non se poden pedir subministracións de calquera tipo ou solicitar a prestación de diferentes servizos cando non existe xa crédito nas partidas, pois as concelleiras ou concelleiros que así o fan faltan a verdade ás persoas que no seu léxitimo dereito exercen a súa actividade mercantil e vense obrigados a acudir aos xulgados logo de múltiples peregrinaxes polos diferentes edificios municipais.
O verdadeiro paradoxo estriba en que o Concello gasta onde non debe e logo deixa millóns e millóns de euros sen executar dos seus proxectos de investimento, debendo someterse á obriga de devolver a débeda viva aos bancos como prioridade, ou ben declararse insubmiso a esta obriga e buscarlle outro destino aos seus recursos económicos.
Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Que o Concello de Ourense estableza unha verdadeira disciplina orzamentaria que impida a situación actual de engano a provedores e acredores, que están obrigados a acudir aos xulgados para cobrar as súas débedas pola inexistencia de créditos consignados nos orzamentos municipais.
Ourense, setembro de 2014