MOCIÓN SOBRE A ESCOLLA DA PREGOEIRA OU PREGOEIRO E A ELABORACIÓN DO PROGRAMA DAS FESTAS DE OURENSE
As Festas de Ourense manteñen unha serie de tradicións e costumes que forman parte da súa propia definición, ou polo menos así era até este ano. A Batalla de Flores, por exemplo, era parte consubstancial das Festas dende hai moitas décadas, até que a concelleira, Ana Garrido, decidiu suprimilas arbitrariamente e sen máis opinións que a súa, xerando certa polémica e duras críticas de diferentes colectivos e persoeiros de esta cidade.
As mesmas críticas se sucederon con outro apartado do programa de festexos deste ano, a escolla da pregoeira das Festas. Neste caso, o que fundamentaba a polémica era o seu carácter evidentemente político e partidista, cando por costume a persoa a quen se lle adoita encargar o pregón é unha figura sobranceira das artes ou das letras, cun recoñecemento social plural e vinculada a Ourense, ou ben empregábase o pregón como pretexto para facer un exercicio de identificación da cidade coa súa historia a través de unha escenificación teatralizada nunha abarrotada Praza Maior.
No momento de rexistrar esta moción as Festas aínda non comezaron e as opinións contrarias multiplícanse, pois tamén hai residentes e persoas emprendedoras que protestan por non ter no seu ámbito de proximidade ningún acto festivo que atraia a poboación, a pesar de contar cun espazo público privilexiado, como acontece na Praza das Mercedes ou en calquera barrio fora do centro urbano.
Para o Bloque Nacionalista Galego moitas de estas polémicas non se terían producido se a elaboración do Programa, o mantemento ou non das tradicións nos festexos, a escolla da pregoeira ou a localización das actuacións e os espectáculos se tivese feito dentro dun órgano colexiado acaído para este cometido como é o Consello Municipal da Cultura, onde se reúnen persoas e entidades con criterio recoñecido no ámbito cultural.
Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Engadirlle ás funcións do Consello Municipal da Cultura o debate e consenso sobre a elaboración do Programa das Festas de Ourense, incluíndo a escolla da pregoeira ou pregoeiro.
Ourense, xuño de 2014