MOCIÓN SOBRE O MANTEMENTO DOS ESPAZOS VERDES CENTRAIS DA CIDADE.
A cidade de Ourense ten un importante déficit de espazos verdes, especialemente nos seus sectores centrais. Outras cidades dunha escala semellante manteñen un gran parque ou alameda central con orixe nos postulados urbanísticos da cidade romántica, que converteuse co paso do tempo no seu corazón verde e no lugar de ocio e xogo escollido por centos de nenas e nenos para disfrutar do seu tempo libre.
En Ourense carecemos desa gran superficie verde central, pois o único que temos son espazos sen edificar que foron quedando libres da especulación inmobiliaria. Incluso eses espazos verdes foron tradicionalmente recortados polas autoridades municipais, pois cando o goberno central solicitaba a cesión dun solar para edificar un novo edificio público, o Concello sempre respostaba ofrecendo parte dalgún deses espazos verdes: pasou co Instituto no Posío, co edificio de Correos na Alameda, co Goberno Civil e a Panificadora (despois Hotel San Martín) en San Lázaro, co Pazo de Xustiza na Alameda do Cruceiro, co Pabillón nos Remedios ou coa Cidade Escolar na Ponte.
Eses pequenos retazos de parques eran, ate hai relativamente poucos anos, a única área de traballo da brigada de parques e xardíns do Concello, que tiñan a misión de manteren eses lugares de ocio e xogo nas mellores condicións posibles. Hoxe en día, calquer persoa que pasee por un destes parques ou que leve alí a xogar ás súas fillas e fillos pode argumentar un listado completo de eivas que sempre teñen como único responsable ao Concello, e nomeadamente á concellería de medio ambiente. Desde a falta de limpeza dos paseos ao esquecemento das plantas e árbores; desde o deterioro das randeeiras á falta de reposición dos bancos; desde a rotura das baldosas ao risco dalgúns elementos oxidados nás áreas de xogo infantil; desde a falta de vixiancia áo estado lamentáble de pasarelas e pontes de acceso.
Pois ben, só é cando intentas dar resposta a todas esas inquedanzas cando percibes a magnitude do problema e cando podes aportar unha posible solución. Este é o motivo polo que o grupo municipal do BNG presenta esta e outras mocións, aportar solucións e alternativas aos problemas da cidade, ben para que os xestione o grupo de goberno actual ou ben para que quede, como tantas outras cousas, pendente da conformación do seguinte, sexa quen sexa quen o forme.
O problema do mantemento dos espazos verdes centrais da cidade é a absoluta falta de uniformidade na súa xestión. Cando ocurre un problema de este tipo o primeiro que fan desde o Concello é saber de quen é a responsabilidade, pois caben todas as posibilidades. A reposición das randeeiras e elementos de xogo infantil e responsabilidade da concellería que primeiro ten que ver se a empresa que os suministrou ten áinda compromiso de reposición por garantía, si é que non quebrou, e non sendo así se ten partida económica propia para repoñelos. A limpeza, dependendo do lugar e de si falamos de elementos verdes ou non, pode ser responsabilidade da concellería, da concesionaria da limpeza, da concesionaria do mantemento dos parques ou da concesionaria dalgunha cafetería que esté no parque, e antes era tamen coresponsabilidade de Aspanas, cando non dalgún medio de prensa da cidade (Parque San Lázaro). O mantemento do solo tamen depende do mateiral do que estemos falando, baldosas de paseos, material especial de áreas de recreo, paseos en terra entre zonas arboradas, etc, pois en cada caso a responsabilidade é diferente, e si estamos a falar doutro tipo de elementos, coma poda ser un palco da música, pois entón tamen entra cultura, patrimonio e urbanismo.
Logo temos un abano completo de posibilidades de outras responsabilidades, como o do coidado e mantemento das aves do Posío na concesión da cafetería, a pasarela do Parque Barbaña tamen como responsabilidade da concesión da cafetería alí instalada, e outras concesións como a da máis céntrica e rentable cafetería da cidade sobre parte do antigo Campo de San Lázaro, que por algunha estrana e oculta razón non paga un euro de canon ao Concello.
Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Que o goberno do Concello de Ourense inicie a tarea de reorganizar e remunicipalizar todo o que ten que ver co mantemento dos espazos verdes centrais da cidade, para que exista unha única brigada municipal responsable de esta tarea.
Ourense, xullo de 2014