MOCIÓN SOBRE A SOLICITUDE DE ACTUACIÓNS POR PARTE DO CONCELLO EN TARASCÓN
No pasado pleno do mes de xullo, o grupo municipal do BNG defendeu unha moción na que se solicitaba ao goberno socialista de Ourense unha serie de actuacións en diversas localidades do Barrio do Pino, seguindo as peticións da súa Asociación de Veciños e Veciñas. Como consecuencia desa moción algunha das súas xustas reivindicacións van ser atendidas, un feito do que unicamente hai que responsabilizar e polo tanto agradecerlle á propia veciñanza destas localidades.
Nesta ocasión, o grupo nacionalista presentalle ao Pleno do Concello de Ourense as reclamacións das veciñas e veciños de Tarascón que tentan que a súa voz sexa escoitada por unha corporación que, desgraciadamente, mira máis para os titulares de prensa do día a día que para as necesidades dos seus administrados.
As veciñas e veciños de Tarascón pídenlle ao Concello de Ourense solucións para diferentes aspectos que mellorarían o benestar e a calidade de vida dos seus habitantes, incluíndo unha medida que nos pareceu totalmente necesaria logo das visitas realizadas: un parque de xogos para as nenas e nenos. Esta pequena localidade ten unha inusual vitalidade demográfica e hai un numeroso grupo de rapaces e rapazas que non ten onde xogar, nun pobo no que as liñas do ferrocarril supoñen unha barreira case insalvábel e perigosa. A actuación do Concello neste aspecto debe ser inmediata e xenerosa, o futuro de Tarascón, e do resto de núcleos rurais do noso Concello depende da actuación municipal fronte a esta moción.
As veciñas e veciños de Tarascón expuséronlle as súas necesidades e os seus problemas a este grupo municipal que as transformou en moción plenaria para buscar a aprobación da Corporación e o compromiso de actuación por parte do goberno municipal.
Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS
1.- Que o goberno do Concello de Ourense busque a mellor solución para a creación dun parque municipal na localidade de Tarascón, dotado de elementos que permitan o xogo dos máis pequenos e a práctica deportiva dos mozos e mozas de este pobo.
2.- Que o goberno do Concello de Ourense reurbanice a praza pública de acceso ao pobo, reubicando os contedores existentes, colocando unha fonte pública e algunhas randeeiras.
3.- Que na zona norte da localidade se repoñan os colectores de lixo que retirou a empresa concesionaria, para facilitarlle á xente maior que vive nesta parte máis elevada do pobo o seu uso.
4.- Que o Concello de Ourense obrigue a empresa concesionaria Viaqua a realizar as reparacións necesarias para solventar as avarías que manteñen as canalizacións perdendo auga dende decembro de 2013.
5.- Que o Concello de Ourense revise o rueiro da localidade ofrecendo unha solución definitiva.
6.- Que o Concello de Ourense lle reclame ao goberno do Estado que cumpra o compromiso adquirido na Comisión de Fomento do Senado do 24 de febreiro de 2011, cando por unanimidade se aprobou unha moción defendida polo senador nacionalista na que se instaba ao goberno á execución de varias actuacións que permitisen mellorar a mobilidade e a accesibilidade dos veciños da aldea de Tarascón (661/000624)
Ourense, xullo de 2014