Moción contra os recortes na protección das vítimas de violencia de xénero
Vivir sen violencia é un dereito. A violencia machista conculca os dereitos e pon en perigo a vida de moitas mulleres galegas, é a manifestación máis terríbel da desigualdade entre homes e mulleres que persiste na nosa sociedade. A obriga das Administracións públicas é poñer os medios para erradicar a violencia de xénero e protexer ás vítimas.
En Galiza, dende 2009 redúcense cada ano as denuncias en números absolutos de 6.068 en 2009, a 5.153 en 2011, a 4.788 en 2012. Así, o rato de denuncias presentadas por cada 10.000 mulleres en Galiza sitúase no 33.29%, o segundo máis baixo do Estado español, só superado por Castela León co 32.16, sen que esta redución se poda achacar a unha redución da incidencia da violencia machista na sociedade galega mas ao contrario, ten a súa orixe nas dificuldades económicas que sufren con maior incidencia as mulleres.
O acompañamento das mulleres para accederen aos recursos e nos procesos xudiciais é garantía de seguridade para elas e pode evitar que o medo, a presión, as faga volver co maltratador. O persoal especializado e o voluntariado que realizan estas funcións vese tamén afectado polos recortes das axudas aos concellos e outras entidades.
Seguen sen desenvolverse medidas previstas na Lei 11/2007, relativas á implicación do SERGAS na detección, prevención e asistencia ás vítimas de violencia de xénero. Non se realiza na rede pública a atención psicolóxica de mulleres e crianzas afectadas. Unha atención fundamental para construír a autonomía persoal e iniciar unha nova vida.
Malia os esforzos realizados nos últimos anos, malia o desenvolvemento lexislativo, estamos a ver como o medre do paro e o desmantelamento dos servizos públicos está empobrecendo de xeito especial ás mulleres e afectando gravemente á nosa vulnerabilidade ante a violencia machista.
A dependencia económica é o maior dos obstáculos para que as vítimas de violencia de xénero racharen coa relación que pon en perigo as súas vidas. Estamos a vivir recortes en programas e recursos imprescindíbeis para apoiar ás mulleres que deciden dar o paso. No momento en que todas as asociacións de mulleres alertan con diferentes informes que a crise supón un freo para denunciar, polo temor a non encontrar emprego e verse sen recursos para saír adiante sorprende que o goberno galego non analice as necesidades das mulleres que sofren violencia de xénero neste momento concreto e non aplique con dilixencia as leis vixentes.
Moitos concellos teñen sido pioneiros no desenvolvemento de medidas contra a violencia de xénero. Nestes momentos de dificultades orzamentarias débense manter e mellorar as actuacións contra a violencia de xénero e de protección ás vítimas. O concello de Ourense elaborou e aprobou o primeiro Plano de Equidade das cidades galegas, un plano de medidas dirixidas ao conxunto da acción municipal encamiñadas a eliminar as desigualdades entre mulleres e homes, paso imprescindíbel para eliminar a violencia machista.
Xunto coas medidas locais, imprescindíbeis débese tamén reclamar doutras instancias competentes, o cumprimento das obrigas da garantía do dereito das mulleres a vivir sen violencia.
Por todo isto, propoñémoslle ao Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS
1- O Concello de Ourense presentará, antes de rematar o ano 2013, unha avaliación das medidas comprometidas no II Plan para a promoción da equidade de xénero do Concello de Ourense desenvolvidas polas diferentes concellarías dende a aprobación do plan.
2- O Concello de Ourense asume o compromiso de manter e mellorar os recursos municipais de información, acompañamento e asistencia a vítimas de violencia de xénero.
3- A Corporación municipal insta ao Goberno Galego a facer efectiva a Lei galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero e deste modo :
- Mellorar as axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero, establecendo uns baremos de renda idénticos aos que se recollían nas convocatorias anterirores a 2011 e facilitando a eliminado a incompatibilidade do cobro desta axuda no caso de ter disfrutado con anterioridade das medidas recollidas no artigo . Garantindo que o prazo de presentación de solicitudes desta axuda está aberto durante todo o ano. Fixando un prazo máximo de 30 días para a resolución e pago efectivo das axudas desde o momento da súa solicitude. Dada a situación de crise económica que viven as mulleres galegas amplíar a duración das axudas a 18 meses prorrogabeis até 24 meses segundo a situación da vitima. Presentación diante do Parlameno dun estudio e valoración desta axuda económica durante os sete anos da súa aplicación.
- Dar cumprimento ao contido do artigo 25 que recollece a necesidade de integrar a Atención psicolóxica como un servizo de atención primaria, en coordinación coa atención especializada nas áreas sanitarias.
- Implantar, tal como recolle o artigo 27 da lei, a través do departamento competente no ámbito sanitario un sistema de rexistro de casos de violencia de xénero.
- Dar cumprimento, dee xeito prioritario, ao artigo 35 de Medidas específicas no ámbito da formación e do emprego garantizando que as mulleres que sofren violencia de xénero sexan colectivo preferente na totalidade da normativa autonómica relativa ao establecemento de axudas e subvencións ás empresas para a contratación de persoal e na empregabilidade en xeral.
- Garantizar o cumprimento dunha Atención xurídica axeitada, permanente e especializada en materia de violencia de xénero. Garantizarase que as persoas profesionais que presten estes servizos terán uha formación específica en materia de violencia conra as mulleres como requisito para o exercicio desta atención.
4- A Corporación municipal insta ao Goberno Galego a demandar de xeito efectivo do goberno do estado a creación dos xulgados específicos de Violencia de xénero nas cidades galegas que a día de hoxe aínda carecen dos mesmos.
Ourense, 25 de novembro de 2013