Moción sobre os orzamentos do Concello de Ourense para o ano 2014
O ano 2013 foi un ano perdido para o Concello de Ourense. O ano no que o alcalde non foi quen de deseñar uns orzamentos que plasmasen un proxecto de goberno e prorrogou os de 2012.
A consecuencia máis importante é a falta de resposta ás necesidades de Ourense, pois imposibilitou a aprobación do plan de emprego que era o compromiso ao que chegara o alcalde coas forzas políticas e sociais que negociaron o plan, nomeadamente co BNG, que é o seu promotor. Alén diso, esta situación impediu que se executasen os investimentos, non se incorporaron moitas das propostas aprobadas polo Pleno e o grupo de goberno viuse obrigado a facer varias modificacións para poder atender compromisos adquiridos coa cidadanía. Esta maneira de xestionar penalizou a actividade económica do concello, o que, indubidabelmente, repercutiu na da cidade.
A ausencia de orzamentos e o descoñecemento do teito de gasto, que este goberno tamén foi incapaz de determinar, obriga aos técnicos municipais a informar desfavorablemente moitas das actuacións propostas. O alcalde leva todo o ano levantando os reparos; algo que debería ser excepcional, en Ourense é o habitual.
O ano 2014 preséntase coa mesma incerteza. Os orzamentos de 2012 terán que ser prorrogados unha vez máis. Unha vez máis, o alcalde demostra a súa incapacidade para xestionar prorrogando unha estrutura orzamentaria obsoleta.
A cidade de Ourense precisa uns novos orzamentos adaptados á realidade do 2014, que lle dean unha solución ao desemprego, que lle fagan fronte aos recortes que veñen desde o Estado e desde a Xunta e que lles dea resposta aos desafiuzamentos, aos abusos bancarios, á fractura social, á falta de actividade económica, aos peches de empresas, aos expedientes de regulación de emprego, á pobreza. Estas son as necesidades actuais.
O PSOE leva seis anos e medio no goberno municipal e, desde entón, nunca presentou os orzamentos dentro do prazo legal, logo é evidente que a mecánica debe cambiar. Este goberno ten unha deriva en cuestións orzamentarias que non nos leva a ningún lado. Urxe unha reformulación das bases de formación dos Orzamentos para superar procedementos puramente mecánicos e baseados no incremento de partidas. Asemade, a responsabilidade da redacción do documento non pode recaer ano tras ano sobre unha única persoa. Non é admisíbel que ese único traballador teña que intentar cadrar os números e facer tamén o traballo que debería facerse desde a área de Persoal.
O alcalde ten que dar instrucións ao respecto. O grupo de goberno ten que elaborar un proxecto para 2014 e chegar a acordos previos. Son os concelleiros os que deben deseñar os seus propios orzamentos priorizando as competencias propias, asegurando o funcionamento dos servizos municipais nas mellores condicións para a cidadanía; eliminando duplicidades que invaden competencias materiais; priorizando dotacións que incidan na reactivación económica; rematando os proxectos de cidade que xa estaban en marcha.
Pola súa banda, a área de Persoal debe actualizar a relación de postos de traballo do Concello para redistribuír os recursos humanos e materiais das distintas áreas.
E, a partir de aí, son os servizos os que teñen que cadrar as cifras tendo en conta as prioridades e eliminando gastos superfluos. A redución de gastos innecesarios permitirá a obtención de fondos para afrontar as necesidades das ourensás e os ourensáns que máis o precisan.
Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS
1.Que se tomen as medidas de reorganización do traballo que sexan necesarias para que se lle poida presentar ao Pleno durante o mes de xaneiro o orzamento xeral de 2014, con todos os informes, anexos e documentación complementaria para a súa aprobación, emenda ou devolución.
2.Que se inclúan no orzamento os microcréditos do plan de emprego para que poidan estar dispoñíbeis canto antes e evitar que Ourense perda a oportunidade de crear emprego durante o próximo ano.
3.Que o anexo de persoal incorpore unha racionalización da RPT tal e como se acordou no pleno de outubro.
4.Que se establezan as partidas orzamentarias necesarias para implantar as propostas aprobadas polo Pleno durante o ano 2013 e que aínda non están funcionando.
Ourense, decembro de 2013