MOCIÓN CONTRA O CANON BIBLIOTECARIO
O pasado 1 de agosto, en pleno período vacacional, o Goberno do Estado español publicaba o Real Decreto 624/2014, de 18 de xullo, que obriga ao pago polo empréstito a arquivos, museos e bibliotecas, un RD que responde ás esixencias da Directiva europea 2006/115/CE, de 12 de decembro de 2006. Trátase dunha directiva pensada para países do norte de Europa, cunha situación cultural moi diferente da estatal e da galega. Estes países, que contan cun sistema bibliotecario que foi sempre o espello no que mirarnos, son considerados paradigma da xestión bibliotecaria tanto pola IFLA (Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios) como pola UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura). Porén, a situación das bibliotecas galegas está ben lonxe do sistema bibliotecario deses países e o pago do canon non fará máis que empeorala.
O real decreto determina o pago de dereitos de cada autor@ con base no pagamento dun canon por empréstito; estabelece o pago de 0,004 por empréstito realizado e 0,05 por persoa usuaria das bibliotecas. Ademais, sinala que mentres non se poida aplicar o pago por empréstito, estabelecerase o canon de 0,16 por obra adquirida pola biblioteca e dispoñíbel para ser prestada. O RD non ten en conta a situación de Galiza, onde non existe un carné de usuari@ único e onde moit@s usuari@s son soci@s de máis dunha biblioteca e, por tanto, por unha mesma persoa pagarase varias veces. Esta medida é un claro ataque ás bibliotecas públicas, que verán aínda máis diminuídas as posibilidades de actualizaren o seu fondo, e fai recaer o peso do pago sobre os concellos, que son, en moitas ocasións, as administracións que máis invisten en cultura a pesar de disporen de menos recursos que outras administracións. A normativa representa tamén un ataque ao dereito da cidadanía á lectura e ao acceso á cultura, prexudicando, máis unha vez, a quen menos ten, pois ao deteriorarse este servizo público dificultarase o acceso á cultura das persoas con menos recursos.
Con este RD dáse tamén o paradoxo de que as bibliotecas que prestan máis servizo e que teñen máis fondos e maior número de empréstitos son prexudicadas ao teren que achegar máis cartos por dar un maior e mellor servizo, feito que vai provocar unha rebaixa no seu nivel de calidade e de servizos prestados e mesmo unha diminución moi importante das súas adquisicións. Chegaremos ao absurdo de obrigar as bibliotecas a ter que prestar menos servizos, realizar menos compras e menos empréstitos para que os concellos propietarios desa bibliotecas poidan pagar menos cantidade polo canon.
A situación actual das bibliotecas municipais non é boa, tal e como manifestou reiteradamente a Asociación de Arquiveir@s, Bibliotecari@s, Museólog@s e Documentalistas de Galiza (Anabad Galicia), dadas as caídas continuada dos investimentos, tanto nos orzamentos municipais como nos galegos e nos estatais, para todo tipo de actividades, mais sobre todo para a compra de fondos. Á desaparición do programa de cofinanciamento para a adquisición de fondos do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte sumouse a desaparición -tanto en 2011 como en 2014- das axudas da Xunta de Galia para a compra de fondos para bibliotecas públicas municipais.
Tamén está a vivir un panorama negativa o sector da edición galega, que vai ver como este real decreto o afunde aínda máis. Nun comunicado conxunto de xaneiro de 2014 a AELG, a Asociación Galega de Editores e GÁLIX, denunciaron que o sector da edición galega perdeu desde 2008 o 38 % do seu emprego directo, está a padecer unha redución drástica de fondos destinados á adquisición de novidades editoriais para bibliotecas públicas (un 64,8% menos) e das axudas para a edición de materiais didácticos en lingua galega (un 75 % menos). E isto sucede ao tempo que a compra de fondos está a padecer, como toda a actividade cultural, a suba do gravame do IVE cultural, até o 21%.
Tampouco autoras e autores van saír indemnes do pago se tivermos en conta que moit@s autor@s son coñecid@s e as súas obras son vendidas porque son difundidas nas bibliotecas. Se as bibliotecas deren menor servizo e adquiriren menos fondos será menor a promoción d@s autor@s e est@s deixarán de percibir ingresos por dereitos de autoría.
Non se pode facerlle pagar por ler á cidadanía, por iso cómpre defender a biblioteca entendida como espazo xerador de cultura coa participación activa das persoas usuarias. Para isto, é necesario un impulso desde a Xunta de Galiza e a defensa do libro o e da cultura galega, do produto cultural propio, de calidade, asequíbel e accesíbel a toda a cidadanía.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS
1. Instar á Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado español a paralización do Real Decreto 624/2014.
2. Trasladar este acordo ao presidente do Estado español, ao presidente da Xunta de Galiza e aos grupos parlamentares no Parlamento galego.
3. O Pleno do Concello comprométese a defender ás bibliotecas municipais como espazos xeradores de cultura polo que garantirá orzamento adecuado para a compra de fondos.
4. Instar á Xunta de Galiza a pór en marcha as medidas necesarias para comprometer un plan de mellora, modernización e coordinación da rede bibliotecaria pública galega.
5. Instar á Xunta de Galiza a que destine as partidas orzamentarias suficientes para que as bibliotecas públicas galegas alcancen as recomendacións dos organismos internacionais, a IFLA e a UNESCO, en canto a estándares de calidade.
6. O Concello sumarase as campañas postas en marcha contra o CANON BIBLIOTECARIO.
Ourense, agosto de 2014