Un proxecto que servirá para promocionar turisticamente Ourense
A campaña 'Kilómetros de Ilusión' permitirá achegar fondos para a compra dun vehículo adaptado a persoas dependentes. A iniciativa foi posta en marcha conxuntamente por Turismo de Ourense, a Escudería GG Classic Club e Aixiña.
A concelleira de Cultura e Turismo, Isabel Pérez, os pilotos ourensáns de Rallye Clásico, Ricardo González e José Luís González, e a presidenta da Asociación Aixiña, Olga Cuña, presentaron a campaña solidaria Kilómetros de ilusión. Con esta iniciativa levada a cabo polas tres partes preténdese financiar a compra dun vehículo adaptado para o transporte de persoas dependentes.
Ricardo González e José Luís González son os únicos pilotos galegos que compiten na Copa de España de Regularidade Sport aos mandos dun Ford Escrot RS 2000 dos anos setenta. A proba clásica consta de oito probas por todo o Estado. A campaña consistirá na doazón de 1 euro por cada kilómetro percorrido polos pilotos á Asociación Aixiña para a merca do citado vehículo.
A presentación de Kilómetros de Ilusión tivo lugar esta mañá na explanada das Burgas onde se deu a coñecer ademáis o vehículo que representará a Galicia nesta proba e que promocionará o nome de Ourense, capital termal por toda España.
Isabel Pérez, amosou a súa satisfación por colaborar nun proxecto que servirá para promocionar turisticamente a nosa cidade e tamén para levar a cabo un importante proxecto social cunha asociación como Aixiña que traballa a prol de persoas con discapacidade física, parálise cerebral e da terceira idade e que son un dos sectores máis prexudicados pola crise económica.
Os pilotos, pola súa banda, resaltaron o seu compromiso social e a necesidade de que o deporte se implique con este tipo de proxectos nun momento no que cómpre que fagamos todo o posible por quen máis ten risco de sufrir coa crise. Trátase pois dun xesto solidario e de xustiza social.
A presidenta de Aixiña, Olga Cuña, pola súa banda, agradeceulle a Ricardo González e a José Luís González, da escudería GG Clasic Club, a súa colaboración para adquirir un vehículo que é unha necesidade nun momento no que os recortes nos investimentos públicos e no gasto social están decrecendo.
Ourense,3 de abril de 2012