O BNG comeza hoxe unha campaña de apoio ao comercio local e aos produtos galegos
O Bloque Nacionalista Galego considera o comercio de proximidade un sector básico da economía nacional. Nestes momentos este sector está ameazado de peche definitivo polas políticas económicas e fiscais regresivas do PP que provocan unha grave crise na demanda. A isto hai que acrescentar as medidas de liberalización comercial que se aproban en Madrid e que o Goberno de Feijoo asume e aplica.
Esta situación levou a un grave desequilibrio no sector comercial con saturación na oferta pola acelerada expansión de grandes superficies e xa ninguén dubida de que estas poñen contra as cordas e ameazan a supervivencia do comercio local.
O comercio urbano de proximidade ten un importante papel como dinamizador dos centros das nosas vilas e cidades, é sustentábel e significa unha aposta de futuro pola calidade a innovación e a especialización.
Para defender o comercio local o BNG aposta por:
· Unha moratoria para a implantación de grandes superficies comerciais
· Un plano sectorial de equipamentos comerciais
· Incentivar a compra de produtos locais e galegos con promoción da súa etiquetaxe en lingua galega
· Promover a produción alternativa e ecolóxica
· Recuperar os mercados municipais e as zonas comerciais tradicionais
· Aplicar planos coordinados de promoción do turismo e do comercio urbano de proximidade
· Promover axudas para implantar ou mellorar estabelecementos específicos que comercialicen produtos autóctonos
· Regular os horarios comerciais a prol da normalidade de xornadas laborais tanto de empregad@s como d@s comerciantes e negocios familiares
· Estabelecer liñas de créditos prioritarias para o comercio de proximidade
Este luns ás 17.30h na rúa do Paseo (Banco de España), o BNG realizará un reparto dentro da campaña a favor do comercio local polos comercios do centro .
Ourense, 23 decembro de 2013