A iniciativa do BNG o Concello apoia a manifestación de Queremos Galego

A iniciativa do BNG o Concello apoia a manifestación de Queremos Galego

O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense levou ao pleno ordinario do pasado venres unha moción a prol do galego que, entre outros acordos, solicitaba o apoio por parte do Concello á manifestación convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego que, baixo o lema “Pola lingua que nos une”, se desenvolverá o domingo 27 de xaneiro.

Durante o debate da moción, o BNG expuxo que o Decreto do plurilingüismo debe ser derrogado ao seren declaradas ilegais a consulta vinculante ás familias e a posibilidade de que o alumnado escolla o idioma que queira empregar. Nas seis sentenzas sobre o decreto, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza mesmo lle lembra á Xunta que a lingua galega debería ter “un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable” para garantir a igualdade entre os dous idiomas oficiais.

Como se non fose con eles, os representantes do PP afirmaron que as sentenzas do Tribunal declaraban a total legalidade do decreto cando xa en varias ocasións o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza determinou que os principais piares sobre os que se asenta o mal chamado “decreto do plurilingüismo” son ilegais. Ademais, indicoulle tamén ao Goberno galego que debe realizar unha política de promoción do idioma propio do país de acordo co estipulado pola Lei de normalización lingüística. O Tribunal dálles a razón aos milleirs de persoas que saíron á rúa nas manifestacións convocadas en defensa da nosa lingua.

A moción foi aprobada a pesar dos votos en contra de Democracia ourensana e o Partido Popular alegando, este último, que o apoio do Concello á manifestación podía ser “ilegal”. Isto demostra que as galegas e os galegos non podemos deixar de reivindicar para a nosa lingua o lugar que lle corresponde nunha sociedade que camiña cara ao abandono da súa identidade.

O BNG é garantía de que, alí onde teñamos presenza, o galego irá atopando máis espazos, nas rúas ou nas institucións, como constata o feito de que se lograse o devandito acordo no pleno do Concello de Ourense.

ACORDOS

Garantir a aplicación da Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística e manter o compromiso activo a prol do uso oficial do idioma galego nos seguintes puntos:

1.Todos os membros desta Corporación empregarán a lingua galega en todas as intervencións orais ou escritas nas que exerzan a súa representatividade, nomeadamente nos plenos, xuntas de área e actos públicos, así como nos medios de comunicación.

2.O Pleno do Concello promoverá a sinatura dun Pacto pola Lingua que reúna, baixo os mesmos compromisos de defensa e promoción do galego, as forzas políticas, sindicais, organizacións empresariais, colexios profesionais, sistema de ensino e cantas institucións ou persoas queiran sumarse.

3.O Pleno do Concello de Ourense promoverá, no que atinxe á Administración Local, a correcta aplicación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por consenso de todas as forzas políticas do Parlamento Galego no 2005.

4.Instar á Xunta de Galiza para que, acatando as diferentes sentenzas desfavorables, derrogue o Decreto do plurilingüismo no ensino non universitario.

5.O Concello de Ourense apoiará a manifestación convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego que, baixo o lema “Pola lingua que nos une”, se desenvolverá o domingo 27 de xaneiro, ás 12 horas, desde a Alameda de Santiago de Compostela.

Grupo Municipal do BNG

Xaneiro de 2013

A iniciativa do BNG o Concello apoia a manifestación de Queremos Galego