A Integración do AVE na cidade de Ourense
Unha vez máis, e van xa demasiadas, volvemos a ter este mesmo debate na cidade das Burgas. Cando por primeira vez comezaba a falarse de que o tren de alta velocidade pasaría por Ourense camiño de Madrid, o entón goberno municipal popular liderado polo alcalde Manuel Cabezas dixo que o AVE entraría polo centro da cidade, foi o 3 de maio de 2005 nunha reunión na que estaban presentes o alcalde, o presidente da Deputación José Luis Baltar e o entón conselleiro de política territorial da Xunta Alberto Núñez Feijoo. Ese día no salón de plenos do Concello, Feijoo propuxo o mantemento das liñas férreas nos seus corredores actuais, tanto en planta como en alzado, cunha inversión prevista de 61,2 millóns de euros. Naquela foto non había ningún representante da Administración central, posto que realmente o que pretendían os políticos populares que si estaban presentes era marcarlle o ritmo ao goberno de Zapatero en período electoral, e foi esa a constante desde entón. Algo tan importante como a entrada do AVE en Ourense foi utilizado sen ningún tipo de rubor por populares e socialistas para atacarse mutuamente, deixando os intereses da cidadanía claramente ao marxe. E nesas seguimos case dez anos despois.
Un mes despois da foto viñeron as eleccións galegas e dous anos despois as municipais. Tanto no Concello como na Xunta foron PSOE e BNG os que tiveron a responsabilidade de goberno e fíxose un novo estudo de integración do AVE na cidade de Ourense. Nesta nova ocasión para debater como debería chegar o AVE á cidade, a diferencia da anterior, tivose por fin en conta que de feito a entrada do AVE en Ourense xa estaba aprobada e licitada desde 2003, e referímonos ao tramo Amoeiro-Ourense, que marca a cota de chegada da liña férrea a estación Ourense-Empalme e pola que a día de hoxe parten os trens que chegan a Coruña en pouco máis dunha hora. A variante Este cos seus novos tuneles e o novo viaducto de Oira para conectar co corredor de Monforte foi presentada o 24 de xaneiro de 2008, tamen no salón de plenos do Concello.
Que fixo entón o PP?, descolgarse do proxecto pedindo o soterramento das vías, como tamen solicitaba a CEO, cando o único xeito de salvar as diferencias de cotas era desfacer o que xa estaba feito e modificar a última parte do trazado Amoeiro-Ourense, cos retrasos e gastos sobrevidos que iso ocasionaría. O certo é que cun discurso interesado a esta petición sumarónselle máis persoas e institucións, creando na cidade un novo debate sobre se a estación debía ser soterrada ou non.
Pouco tempo despois novas eleccións galegas e o agora presidente Alberto Núñez Feijoo (PP) reclamou ao ministro de fomento José Blanco (PSOE) o soterramento das vías como condición inexcusable para formar parte do consorcio entre as tres admnistracións que debían sacar definitivamente adiante este proxecto. O PP de Ourense levou no seu programa electoral esta mesma reivindicación nas eleccións municipais de 2011, pois aínda a Xunta seguía reclamando de Madrid o soterramento. E mentres, o alcalde socialista de Ourense presentaba xunto aos seus compañeiros de partido, incluido o Ministro de Fomento en funcións, e non xunto aos que daquela eran os seus compañeiros de goberno, a nova estación en superficie deseñada polo estudio de Sir Norman Foster.
Novas eleccións, neste caso en Madrid, e o novo goberno popular de Mariano Rajoy non recoñece nin a adxudicación da nova estación, nin o que é máis grave, o acordo de 2008 da entrada do AVE en Ourense pola variante Este. Din agora que son necesarios máis estudos, cando levamos dez anos discutindo o mesmo, e a adaptación do proxecto as circunstancias actuais. Será por iso que xa non piden o soterramento, antes condición inexcusable, e hoxe totalmente desbotada da planificación.
Por certo, no momento actual a planificación urbanística en Ourense é un caso digno de analise en todas as universidades do Estado. O PP aprobou un Plan Xeral en 2003 que os tribunais anularon, no que nin había soterramento, nin variante Este nin atisbo do AVE, e que obriga a terceira cidade de Galiza a basear o seu crecemento no planeamento de 1986. Afortunadamente en pouco tempo o novo documento de planeamento estará listo para a súa aprobación inicial, e as diferentes administracións e institucións competentes terán un mes para enviar os seus informes sectoriais, incluido claro está o Ministerio de Fomento.
Qué fará este Ministerio cando teña que informar sobre un plan xeral que basea boa parte da súa estratexia de futuro na integración do AVE en Ourense pola variante Este?. Que é o que nos queda a cidadanía de Ourense, logo de dez anos de debate sobre o AVE?.
Unhas preguntas que quedan no aire a espera de resposta. O que si podemos nós expor é cal foi a postura do BNG neste debate. Pois desde o principio sempre a mesma. Que sexan os técnicos os que establezan cal é a mellor fórmula de integración, que o custe do proxecto non sexa o único factor determinante como non o foi noutras cidades do Estado, que a estación sexa intermodal e que non haxa máis retrasos. Agardemos que dentro de outros dez anos non teñamos que seguir reiterando cal é a nosa postura neste debate.
Xosé Somoza Medina
Voceiro Municipal do BNG