Preguntamos no Pleno pola paga extra do persoal do Concello
Este Venres no Pleno do Concello de Ourense, a concelleira nacionaista Susana García foi "cortada" polo alcalde cando na quenda de "rogos e preguntas" preguntaba pola PAGA EXTRA DE DECEMBRO para os e as funcionarias do Concello de Ourense, acusando á concelleira nacionalista de non estar facendo unha pregunta. Pola contra, máis tarde, permitiu que o voceito do Partido Popular intervira no mesmo sen facer preguntas ou rogos acusando mesmo ao BNG polos datos presentados no debate da moción sobre contratacións. Nen o portavoz do PP, nen o representante da CSIF tiveron problemas para realizar preguntas mentres Susana García foi interrumpida e non se lle deixou rematar a súa intervención.
O Grupo Municipal do BNG presentará, o luns a primeira hora no Concello, a pregunta por rexistro.
Esta é a pregunta COMPLETA que Susana García fixo no Pleno do 7 de decembro:
No pleno de setembro aprobouse unha moción presentada polo grupo municipal do BNG na que se acordou manifestar o rexeitamento ao Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo, que incluía (entre outras medidas coas que xa expresamos o noso desacordo) a decisión unilateral do Goberno español de imporlles ás empregadas e aos empregados públicos unha nova perda de poder adquisitivo coa retirada da paga extra de decembro.
Naquel momento, o BNG xa manifestou que esta medida, ademais de inxusta, ía ter un efecto directo sobre o consumo no noso concello e, polo tanto, no tecido económico local.
Acordouse naquela sesión plenaria compensarlles aos traballadores do Concello esta perda do poder adquisitivo e instábase á Xunta de Goberno Local a que adoptase as medidas necesarias.
O acordo alcanzado tiña o sentido de que as empregadas e os empregados públicos dispuxesen desa compensación económica neste mesmo mes de decembro, para evitar a redución do poder de compra durante a campaña de Nadal, de xeito que isto non afectase ás pequenas e medianas empresas, ao pequeno comercio deste concello, nun dos momentos de máis consumo do ano.
Nas áreas nas que o BNG tivo responsabilidade de goberno ata o mes de setembro, estudáronse as posibilidades técnicas para levar adiante esta proposta e, tanto no Consello Municipal de Deportes, como no Consorcio do Festival de Cinema ou na empresa municipal de Turismo, o poder adquisitivo dos seus empregagos estaba garantido no momento no que abandonamos o goberno.
Así pois, o grupo munipal do BNG quere saber como está previsto executar o acordo? A través de que mecanismo se compensará esta perda de poder adquisitivo? E, sobre todo, en que momento? Tendo en conta que a finais de novembro se aprobou unha transferencia de crédito que minorou as partidas de persoal en 1.286.000 a favor doutras partidas, como por exemplo Publicidade e propaganda.
Ourense, decembro de 2012