Ana Miranda, as políticas europeas e o impacto que teñen en Ourense
[ Entrevista ] Falamos con Ana Miranda das políticas europeas e do impacto que estas poden ter en Galiza e Ourense así como do traballo que o BNG ven desenvolvendo no Parlamento Europeo e a súa importancia para a nosa cidade e o noso país.
O BNG volve a ter escano no Parlamento Europeo, cales son as prioridades que están a centrar o teu traballo na Eurocámara?
As nosas prioridades coinciden coas do noso País e coas dos nosos sectores produtivos. Hai tres grandes reformas en marcha que ocupan parte sustancial do traballo parlamentar: a reforma da Política Agraria Común (PAC), a da Política Pesqueira Común (PPC) e a reforma dos fondos estruturais e de cohesión para o periodo 2014-2020, nas que se xoga moito Galiza. Por exemplo, na PAC queremos que se prorrogue o sistema de cotas leiteiras para o noso sector, que ten feito un esforzo inversor moi importante polo que aínda non foi compensado e que está nestes momentos, por mor da crise financieira e alimentar, nunha situación moi difícil. Na PPC é fundamental acadar un trato específico que discrimine positivamente a pesca artesanal e o marisqueo, que supón o 80% da nosa frota e que crea emprego moi repartido. Por último, Galiza xógase arredor de 3.500 millóns de euros en fondos comunitarios para o período 2014-2020 e o BNG vai facer todo o posible para que os consiga. Hai outras prioridades importantes como a defensa dun modelo económico de xustiza social e igualdade, que tocan todo o noso facer, a política de transportes sustentable, de medio ambiente, cultural e lingüística, de educación, emprego e cultura sen dúbida que enchen tamén noso escano de accións e propostas moi concretas.
Moita xente preguntase que marxe de actuación ten o BNG na defensa dos intereses de Galiza nun Parlamento onde están representados 27 países e 754 deputadas e deputados?
Non estamos sós na Eurocámara, senón integrados no Grupo Verdes/ALE, o cuarto máis numeroso. Obviamente, non imos negar que nos gustaría ter maior representación en tempo e número, pero na dinámica de funcionamento do Parlamento Europeo, con 754 membros que dan voz á cidadanía de 27 Estados membros e moitas mais nacións sen Estado como é Galiza, todas e todos estamos en minoría. A clave está en establecer alianzas para aqueles temas que interesan ao noso País. Fai apenas un par de meses votouse un acordo comercial con Marrocos perxudicial para os labregos do sul, pero nen o PSOE nen o PP poideron convencer aos seus colegas de grupo parlamentar e o acordo saíu adiante. Polo tanto, os 47 escanos que suman foron igual de inoperativos que se tivesen unha soa ou un só representante. A clave, insisto, está en saber establecer alianzas, en chegar a consensos para sacar adiante os temas relevantes para o país, para negociar. Por exemplo, acabamos de apresentar un relatorio sobre pesca artesanal que foi aprobado sen nengún voto en contra, porque soubemos facer achegas e compromisos. O BNG sabe moi ben que está no Parlamento Europeo para defender os intereses do País e das galegas e galegos, asi como doutro modelo de Europa, e eso é o importante, non xulgar se un hemiciclo está valeiro ás 22hs porque hai outra xente que non se toma en serio seu traballo. Nós si, e sabemos moi ben que estamos aquí por Galiza.
Como eurodeputada xa tes abordado nesa Cámara cuestións específicas que afectan a Ourense. Que pode facer o BNG desde o Parlamento Europeo para axudar a resolver algúns dos problemas que afectan a nosa provincia?
É evidente que desde Bruxelas se adoptan cada día decisións normativas que afectan a nosa vida cotiá, iso é así. En consecuencia, ter voz directa e sen intermediacións no foro lexislativo europeo é unha oportunidade para facer chegar os problemas da provincia de primeira man. Así poidemos trasladar a preocupación da cidadanía ourensá sobre o proxecto da macroincineradora no Irixo, ou interpelar á Comisión Europea para solicitar información sobre a actuación da Oficina Europea de Loita contra o Fraude (OLAF) na Deputación de Ourense. Algo tan simple como pedir transparencia para saber por qué foi unha delegación da OLAF a Ourense, pois queremos que se saiba como se gastan os fondos europeos e reclamamos transparencia.
O BNG, ademais, é membro na Comisión de Desenvolvemento Rexional onde se negocian os fondos estructurais e de cohesión que van chegar a Galiza para o período 2014-2020. Poder chegar na metade dun escano e formar parte dunha comisión tan relevante do País é tamén producto do traballo do BNG de moitos anos. Unha parte van ser para promover a actividade económica e a creación e activación de emprego, onde pode encaixar a obtención de recursos para o transporte, a promoción do turismo termal, de tanto interese nesta provincia. Temas como o demográfico que tanto importan tamén para Ourense.
Ourense ten sectores productivos, como o agropecuario ou o vitivinícola, que dependen en gran medida da folla de ruta que marca Bruxelas. De que maneira a presenza do BNG pode acadar que os nosos principais sectores produtivos sexan tidos en conta?
Neste momento, está a debate o chamado pacote da Política Agraria Común. Na comisión nacional de Agricultura do BNG estamos traballando en coordinación para defender os intereses agrarios galegos, Ourense con especial importancia porque é moi dependente da agricultura. Temos moita preocupación co tema da liberalización das viñas, e estamos traballando neste sentido. Teño previsto desprazarme a Ourense para manter reunións co sector.
A polémica da proxectada macroincineradora no Irixo evidencia que o Goberno galego fai propostas para a xestión dos residuos que contradí as recomendacións da UE. En que medida a nosa presenza como BNG no Parlamento Europeo pode facer chegar a voz dos veciños afectados ao Parlamento Europeo?
Pois sen o BNG en Bruxelas nunca se tivese falado do Irixo, así de sinxelo. A Eurocámara nunca tería escoitado a denuncia dunha macroincineradora que se tentaba facer de costas aos cidadáns. Como xa sabemos polo traballo desenvolvido aquí no pasado e no Congreso e Senado, Galiza está presente cando está presente o Bloque Nacionalista Galego. Non hai dúbida que noso obxectivo é defender outro modelo de xestión de residuos para o noso País, e seguir as tendencias do que está a facer noutros paises europeos máis avanzados que non apostan xa pola incineración e dende logo, estar a carón da cidadanía, que non foi nin consultada. Apoiaremos aos colectivos sociais para que poidan apresentar este tema na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.
Sabemos que están en marcha importantes reformas, como por exemplo os fondos estructurais e de cohesión ou a Política Agraria Común. Nese escenario de cambios para o período 2014-2020, que se xoga Ourense?
Ourense debe contar como cidade tamén na continuación de poder recibir fondos para a creación de emprego, para a cooperación co norde de Portugal, para o desenvolvimento de alternativas de turismo sustentable, e tamén para temas sociais. Estas son prioridades que teñen que decidir tamén as autoridades locais en colaboración coa sociedade civil, se queremos levalas ao marco político europeo con máis garantías de éxito para o país e para Ourense.
O termalismo é unha das principais fontes de actividade económica na provincia. É posible obter apoio desde Bruxelas para este sector que implica un importante número de empregos vinculados á nosa centenaria cultura da auga?
A política de turismo agora é nova e vai ter financiación propia, co que se abre unha boa oportunidade, para apoiar un turismo medioambiental e cultural baseado no noso. A auga como patrimonio, como cultura, como ben público a compartir e a xestionar debe ser o obxectivo, e nese sentido ainda agora acabamos de aprobar un relatorio sobre a política de augas en Europa que apoia que se una o tema da sustentabilidade medio ambiental, social, territorial na política de augas, e Ourense no sentido de democratizar o acceso ás augas termais, como modelo turístico e de calidade, tamén pode ser unha referencia. Este ano é importante porque vai debatirse o conxunto de programas, e Ourense xa ten experiencia en participación en programas europeos co que imos seguir con atención os vindeiros obxectivos de futuros programas para apoiar no que se estime dende ai ao BNG no Concello.
Como sabes, Ourense aspira a ser declarada Capital Europea da Cultura en 2020. Como pode o BNG contribuir a acadar este obxectivo desde o propio Parlamento?
Ese tipo de iniciativas corresponden ao Estado membro que é o único con capacidade para facer chegar unha proposta destas características ao Executivo da UE. Iso non impide que desde o BNG prestemos todo o apoio posible, con interpelacións parlamentarias que fagan chegar ese obxectivo á Comisaria de Educación e Cultura, Androula Vassiliou. Podemos facer unha labor explicativa e divulgativa de por qué Ourense está lexitimada a aspirar a ser Capital Europea da Cultura. Sen dúbida, ali imos estar porque Cultura é País, e porque Ourense representa moito na memoria cultural e histórica de Galiza, e tamén na construcción de valores europeos.
Europa, ou para ser máis exactos, as institucións da Unión Europea son vistas como algo distante, como entes lonxanos que deciden sobre as nosas vidas, pero sen coñecer a nosa realidade. Teñen razón os que así pensan?
É posible que se transmita esa sensación de lonxanía motivada, sobre todo, polo escaso coñecemento do traballo das institucións comunitarias. Pero sinceramente, o Parlamento Europeo contribúe a construir unha Europa dos pobos, máis social e máis xusta, frenando as posicións dos Estados membros que, sinto decilo, son case sempre máis insolidarias, en particular nun momento como este de crise profunda e de Gobernos estatais maioritariamente de marcado carácter conservador. Neste contexto, a voz da Eurocámara é un contrapunto imprescindible para frear políticas ultraliberais, do mercado, do capital, alleas á xente.
Entre todas e todos, como nacionalistas, debemos facer tamén pedagoxía sobre o papel do Parlamento Europeo como foro de expresión da cidadanía das nacións sen estado como a nosa, porque para o BNG aqui, no marco da Alianza Libre Europea, a ALE, o partido político no eido europeo do que formamos parte, compartimos modelos e políticas, obxectivos nacionais e sociais con outras nacións europeas que tampouco se sinten representadas nen defendidas polos estados dos que forman parte territorialmente. Estamos construindo tamén outras voces e axindo dende o punto de vista nacional a nivel europeo e internacional. Este diálogo permanente para chegar a pontos de encontro entre visións tan diversas, máis tamén tan parecidas no esencial, é algo extraordinario. Ao fin e ao cabo, é o eterno discurso poder, centro e periferia, que nós saltamos no plano político para negociar directamente, por exemplo, no eido da política de cohesión sen ir máis lonxe.
Que lle dirias aos euroescépticos nestes tempos de crise feroz que está a ter efectos demoledores en moitos cidadáns do noso país?
Que non podemos renunciar á idea da Europa dos Pobos e da Europa social, que a día de hoxe, está raptada por esta Unión Europea conservadora e egoísta, porque os estados que a compoñen son así cando aceitan e promoven políticas extremas de austeridade e recortes. No BNG queremos defender, ademais, a igualdade entre homes e mulleres, as políticas económicas que fomenten emprego e apostamos decididamente polos sectores de creación productiva e industrial. Síntome galega e Europea, nacionalista galega e europea, pero dende logo, o modelo de Unión Europea que defendemos na nosa forma de facer política no Parlamento Europeo, está a anos luz da actual UE que renuncia, presa do sistema financieiro e das ideas monetaristas, aos ideais de solidaridade e cohesión. Máis hai moitas voces críticas para mudar o sistema, sabemos que é difícil, pero non podemos rendirnos dende Galiza, dende Europa, dende o mundo... Temos que traballar co obxectivo de construir alternativas socioeconómicas a esta crise financieira, económica, alimentar, enerxética e medio ambiental na que se precisa desde xa unha mudanza de paradigma económico e social.
Dende Galiza, para Bruxelas e para o mundo....a presenza do BNG de volta no Parlamento Europeo abre tamén moitas posibilidades para as relacións internacionais do nacionalismo galego, xa que o nacionalismo galego é profundamente internacionalista.
Sen dúbida, non podemos pensar que somos o embigo do mundo é que só debemos preocuparnos polo que pase no noso entorno. Sen nacionalista como somos nós, é ser inter-nacionalista. Seguindo ese espíritu internacionalista do BNG, ollamos para os problemas que afectan a outros territorios, por iso temos presentado numerosas iniciativas en prol dos dereitos do Pobo Saharaui, a favor dos dereitos do Pobo kurdo, impulsando os dereitos da comunidade Mapuche ou o dereito das comunidades indíxenas de América Latina a decidir sobre o uso dos seus recursos naturais e enerxéticos, tantas veces expoliados por Occidente coa aquiescencia de Administracións corruptas. Aspiramos a que se mundialicen os graos de benestar que Europa acadou nalgúns eidos, sempre e cando esta Europa dos Pobos e Social á cal nós aspiramos se realice plenamente, respectando tamén aos outros pobos, deixando que exerzan o seu libre dereito de autodeterminación, facendo efectivos uns verdadeiros valores democráticos e de promoción dos dereitos sociais e das persoas a nivel global.
Somos membros da Delegación de Mercosul e da delegación de Chile do Parlamento Europeo (polo interese no tema mapuche) e membros de Eurolat, a asamblea paritaria do Parlamento Europeo cos Parlamentos centro e sudamericanos, onde tamén defendemos ideas e modelos de desenvolvimento económico, social, territorial, cultural e medio ambiental, que encaixan co momento político daquelas latitudes. Temos que aprender tamén, no intercambio de ideas, daqueles que aló apostan por mudar sistemas e políticas que nós consideramos inxustos. Por iso, ter voz nacional implica poñer coherencia nas institucións europeas, internacionalizando as nosas problemáticas e o noso feito diferencial como nación.