Os recortes en educación discriminan e penalizan ao alumnado do rural
A voceira de Educación do BNG no Parlamento Galego, Carme Adán, estivo o pasado 20 de xuño en Ourense para denunciar a agresión das políticas do PP en materia educativa na Galiza, máis sobor de todo na provincia de Ourense.
Acompañada dos parlamentarios Tereixa Paz e Alfredo Suárez Canal, xunto co alcalde de Allariz e Vilar de Santos, a tenente de alcalde de Ourense , o voceiro do grupo nacionalista de Celanova e os responsábeis comarcais de Ourense-O Carballiño e o Ribeiro, Carme Adán manifestou que nos últimos 3 anos véñense producindo recortes no ensino público que se traducen na reducción de profesoreado e de unidades educativas en diferentes centros da provincia. Porén, estes recortes no público coinciden co incremento de financiamento aos centros privados concertados. Polo tanto, a excusa da crise non ten razón de ser trátase de vontade política, da vontade do Partido Popular de querer acabar co rural galego porque se non hai servizos o rural non ten futuro.
O BNG contabiliza para o vindeiro curso a supresión de 40 aulas e a supresión de 80 postos de traballo na provincia de Ourense. Carme Adán relacionou as escolas nas que se suprimen unidades e profesorado e fixo fincapé nos casos nos que esa supresión vai supor ter na mesma clase ao alumnado de 6 a 12 anos e cun único docente como é o caso das escolas de Monterrei, Gomesende, Cortegada, Casaio e Os Blancos. Especialmente grave tamén é o caso dos centros que se converten en escolas unitarias, catro na provincia de Ourense, onde estarán xuntos nenos de infantil e primaria.
Para os nacionalistas, estas reduccións son selectivas e discriminatorias para os nenos e nenas que viven no rural porque como vitimas do agrupamento non terán dereito a ter aulas en inglés nin en educación física.
Carme Adán esixiu da Xunta de Galiza un cambio de rumbo nas políticas educativas porque a educación é o motor para sair da crise e para manter e relanzar o medio rural no noso País.