O BNG promove o nomeamento de Ourense como a primeira cidade do País “Amiga das Persoas Maiores”

O BNG promove o nomeamento de Ourense como a primeira cidade do País “Amiga das Persoas Maiores”

Segundo os datos máis recentes publicados polo INE, en Ourense viven 107.597 persoas, das cales 31.000, case o 30%, teñen máis de 60 anos.

A Organización Mundial da Saúde publicou en 2007 unha guía para mellorar a calidade de vida das persoas maiores nos espazos urbanos, promovendo a creación dunha rede mundial de Cidades Amigas das Persoas Maiores. En base aos criterios establecidos por esta organización mundial foronse engadindo cidades á rede ate formar hoxe en día un conxunto de máis dun centenar de urbes de 22 países diferentes.

O BNG, consciente da necesidade de mellorar o habitat urbano que é moitas veces agresivo e discriminatorio cos nosos maiores, inseriu no seu Programa Electoral o compromiso de facer de Ourense a primeira cidade do país que se acollera a esta rede e que fora recoñecida pola OMS, a través do Plan Municipal de Avellentamento Activo, como Cidade Amiga das Persoas Maiores. Por iso dentro do Consello Municipal das Persoas Maiores, o BNG promoveu a creación dun grupo de traballo con este obxectivo concreto, e logo de varias reunións vaise dar o primeiro paso en firme no próximo Pleno do Concello, coa aprobación dunha moción que inicie o proceso para que Ourense sexa unha cidade máis favorable ás necesidades das persoas de maior idade.

Para adherirse á rede débense de cumprir unha serie de premisas e establecer un acordo político e cidadán que leve á mellora continua da cidade en oito ámbitos específicos: espazos exteriores e edificios, transporte, vivenda, participación social, respeto e inclusión social, participación cidadá e emprego, comunicación e información, e servizos comunitarios e de saúde. Na primeira fase creanse os mecanismos para lograr a participación en todo o proceso das persoas maiores, pois o éxito da iniciativa depende do seu grao de participación directa, despois son estas persoas as que voluntariamente avalían a adaptación da cidade as súas necesidades e en función deste exame feito pola cidadanía formúlase un plan trienal de actuación para toda a cidade que resolva as dificultades atopadas, xerando unha serie de indicadores para o seguimento do proceso. O plan de acción é entón presentado a OMS para súa certificación e a definitiva inserción da cidade na rede.

O BNG promove o nomeamento de Ourense como a primeira cidade do País “Amiga das Persoas Maiores”