Cultura presenta unha completa axenda cultural que completa a festa dos Maios
Baixo o epígrafe Aí Ven o Maio a Concellaría de Cultura de Ourense ven de presentar unha amplísima oferta cultural para un mes que en Ourense é sinónimo dunha das festas máis características e agardadas do calendario, Os Maios. O vindeiro día 3 ás rúas do Paseo e Lamas Carvajal volverán acoller estas esculturas de musgo e flores dando forma a un circuíto que se completa coa XVI edición da Feira de Artesanía e a feira dos Maios, adicada á gastronomía. O evento marca o arranque dun mes con actividades para todos os gustos nos que se comproba como este goberno local aposta por manter ese Ourense como cidade de cultura que continua a ser, a Atenas da Galiza. Así o lembraba esta mañá a Tenente Alcalde e Concelleira de Cultura, Isabel Pérez, encargada de presentar a programación para estes días.
A dirixente nacionalista daba conta esta mañá no Salón de Plenos, da ampla oferta que se desenvolverá no mes de maio, e na que, ademais das datas claves como son os propios Maios, o concerto dos Resentidos, a nova edición do Festival Jazz de Primavera ou o Día das Letras Galegas, continuase apostando por iniciativas estables no ano: programación infantil, o ciclo +CINE ou as diferentes citas teatrais do Auditorio. Para a concelleira Isabel Pérez trátase de programar de xeito intelixente para pór a cultura ao servizo de todos os veciños e veciñas de Ourense apostando ao tempo por un sector que contra o que parecen pensar algúns políticos, xera emprego sostible no tempo, crea riqueza e, ademais, contribúe a construción cidadá e persoal dos individuos.
A concelleira de Cultura e Turismo de Ourense aproveitou a presentación da campaña Aí Ven o Maio para defender a posición privilexiada na que Ourense se atopa en materia cultural: por contraste con outras cidades de igual ou incluso máis habitantes en proporción contamos cunha oferta de actividade superior en cantidade e, tamén, en calidade. Eventos especializados coma o ciclo Sen Batuta, que o día 2 celebra un dos concertos máis agardados, o de Hagen Cuartet, contribúen a fornecer este protagonismo cultural co que a concellaría mantén un compromiso firme.
Ourense, 26 de abril de 2012.