Máis orzamento e outra xestión para a Casa de Acollida de Ourense

Máis orzamento e outra xestión para a Casa de Acollida de Ourense

Texto íntegro da moción presentada a debate no pleno ordinario do venres 1 de marzo:

Ao longo dos últimos tres anos, a Xunta de Galiza impulsou unha política que, no terreo ideolóxico e na práctica, estivo claramente orientada a cuestionar os dereitos das mulleres, desmantelar a estrutura administrativa que lles daba corpo ás políticas a prol da igualdade e operou recortes nos servizos públicos que teñen un efecto directo no deterioro das condicións de vida da poboación en xeral, mais que inciden especificamente nas mulleres e no obxectivo da equidade de xénero.

Nesta ofensiva ideolóxica do PP contra os dereitos das mulleres produciuse unha substitución das políticas de igualdade por un discurso que ten por obxectivo reforzar o rol tradicional das mulleres, nomeadamente, a través da maternidade como destino das mulleres.

Dende dar pasos atrás na paridade no consello da Xunta, diminuíndo a presenza de mulleres, que viña sendo igual ou superior ao 40 por cento, a desmantelar o Programa Prescolar na Casa.

As leis impulsadas polo goberno da Xunta atacan os alicerces da igualdade e cuestionan os dereitos das mulleres. A aprobación da ILP “Red Madre” promovida polo ultracatólico e conservador “Foro da Familia” supuxo unha declaración de intencións por parte do goberno.

A Xunta de Galicia desmantelou o Servizo Galego de Igualdade en nome da austeridade. Outro paso atrás na engrenaxe institucional das políticas de igualdade eliminando as garantías legais de existencia dun departamento encargado de impulsar a transversalidade de xénero e abrindo as portas a unha maior precariedade das políticas de igualdade institucionais.

Coa aprobación da Lei de familia, un texto amplamente cuestionado polo feminismo galego e o propio Consello Económico e Social, as políticas de recorte sanitario en materia de saúde sexual e reprodutiva das mulleres e a conxelación de leis como a Lei de violencia de xénero e a de fomento do traballo en igualdade o Partido Popular desarmou as ferramentas e estruturas postas en marcha para a loita pola igualdade.

Un exemplo claro é o orzamento destinado á Casa de Acollida de mulleres víctimas de violencia machista de Ourense, que se viu rebaixado nos orzamentos da Xunta.

Nun ano no que se rebaixan os orzamentos en materia de igualdade a Xunta de Galicia presenta un Plano de Igualdade baleiro de contido e de orzamento.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

- Instar á Xunta de Galiza a garantir a consignación orzamentaria suficiente para Programas de Inserción laboral das Mulleres mozas, cun mínimo de 400.00€

- Instar á Xunta de Galiza a garantir a consignación orzamentaria suficiente para Plans de Formación Persoal en atención a vítimas de violencia de xénero, cun mínimo de 200.000€

- Instar á Xunta de Galiza a garantir a consignación orzamentaria suficiente para a Casa de Acollida de Ourense, cun mínimo de 100.000€

- Sacar a concurso público a xestión da Casa de Acollida de Ourense garantindo para esta unha xestión con perspectiva de xénero e aconfesional.

Ourense, 25 de febreiro de 2013

O voceiro do Grupo Municipal do BNG

D. Xosé Somoza Medina

Máis orzamento e outra xestión para a Casa de Acollida de Ourense