Moción sobre o transporte ferroviario de carcanías

Moción sobre o transporte ferroviario de carcanías

Moción presentada para debate no pleno do 5 de Abril de 2013. Texto íntegro:

O transporte ferroviario a media distancia en Galiza hai lustros que desapareceu dos orzamentos do goberno do Estado. As conexións interiores deixáronse a un lado para concentrar os investimentos na implantación da alta velocidade á que se destinan case todos os recursos públicos nesta materia.

Fronte aos máis de 1.700 millóns de euros adicados á última fase da conexión da alta velocidade con Madrid, apenas hai investimento na mellora das redes de proximidade polo que o goberno do Estado permite que o deterioro das liñas existentes provoque que a falla de competitividade destas acabe sendo a escusa para a súa eliminación.

Lonxe de promover o transporte ferroviario, o goberno do Estado aposta pola súa eliminación, así o Plan de Racionalización do Transporte Ferroviario contempla a supresión da liña Ourense–Sanabria de maneira inmediata. Mais sabemos que no borrador que manexa o Ministerio de Fomento o goberno ten intención de suprimir en Galiza 84 trens semanais de media distancia, unha redución que de confirmarse suporá o 19%. En Ourense veranse afectadas as liñas Ourense-Monforte, Santiago-Ourense, O Carballiño-Ourense e Ourense-Puebla de Sanabria.

Esta eliminación de liñas ferroviarias deixará, en moitos casos, sen comunicación a poboacións intermedias onde non existe transporte alternativo por estrada e suporá unha mingua considerábel naquelas poboacións nas que as liñas se reduzan provocando aínda menos competitividade no servizo.

O BNG oponse á eliminación de servizos ferroviarios públicos e considera fundamental para o país un reforzo do transporte de proximidade a través da mellora dos tempos das viaxes, das frecuencias, o axuste dos servizos ás necesidades da poboación, melloras nos trens e unha redución dos actuais prezos dos billetes para atraer unha maior demanda da poboación e que o transporte ferroviario cumpra a súa función de transporte colectivo fonte ao particular.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

- Instar ao goberno do Estado a retirar a proposta do Plan de Racionalización do Transporte Ferroviario que suprime o 19% das liñas ferroviarias en Galiza.

- Instar á Xunta de Galiza a manter as axudas económicas para permitir que se siga prestando un servizo público esencial como o é transporte ferroviario, nomeadamente en poboacións sen alternativa por estrada.

- Reclamarlle ao goberno do Estado a redución dos tempos de viaxe, aumento das frecuencias, un axuste dos servizos ás necesidades horarias da poboación, a mellora dos trens e a redución dos prezos nos billetes.

Ourense, marzo de 2013

O voceiro do Grupo Municipal do BNG

Xosé Somoza Medina

Moción sobre o transporte ferroviario de carcanías