MOCIÓN PARA APOIAR A VENDA DE PROXIMIDADE NAS PRAZAS DE ABASTOS DE OURENSE

MOCIÓN PARA APOIAR A VENDA DE PROXIMIDADE NAS PRAZAS DE ABASTOS DE OURENSE

O pasado mes de setembro publicouse o Decreto 125/2014, do 4 de setembro, polo que se regula a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final. Este decreto entende por venda directa a que se realiza na casa, en mercados e feiras e en tendas minoristas, que lle vendan directamente ao consumo final, agás os ovos, e establece unha serie de requisitos para poderen realizar esa venda.

Desde o BNG sempre defendemos que se prestixien os nosos produtos primarios como de calidade cumprindo sempre coas garantías de salubridade. Igualmente consideramos que se debe facilitar desde os poderes públicos a súa comercialización en circuítos curtos e de proximidade para garantirlles o máximo beneficio aos e ás produtoras e que a actividade agrícola, a súa transformación e comercialización sexa un elemento de produción de alimentos, de creación de emprego e de dinamización económica.

Porén, este decreto, sen outras medidas que acompañen o desenvolvemento da venda de proximidade e o apoio aos e ás produtoras non vai ter ese efecto dinamizador. De feito, é evidente que non ten como obxectivo relanzar feiras e mercados nin serve para incorporar novas persoas a esta actividade. O articulado do decreto non garante a produción nin fomenta a dedicación de persoas a este tipo de actividade. Por iso, o BNG considera imprescindíbel desenvolver iniciativas que incidan no apoio á comercialización de proximidade (feiras, mercados periódicos de alimentos producidos na contorna da cidade, mercados de sementes, degustacións, etc.), como acontece no desenvolvemento do proxecto “Come Ourense”.

A aplicación do Decreto 125/2014 supón una clara ameaza para a venda do rianxo das nosas prazas de abastos, como este grupo municipal puido comprobar falando coas persoas que alí desenvolven esta actividade. O decreto establece a obrigatoriedade de rexistrarse no REAGA como autónomo e o certo é que a maioría das persoas que venden o rianxo son homes e mulleres xubilados ou con pensións mínimas que, ofrecendo os produtos das súas hortas, acadan un pequeno complemento de rendas para subsistir, sendo inviábel para elas darse de alta nese rexistro. O BNG considera que esta situación poderíase resolver cunhas cotas a seguridade social e unha fiscalidade reducida, en relación co escaso movemento económico que producen as vendas do rianxo.

Outras cuestións que establece o Decreto 125/2014 poden verse como unha oportunidade para valorizar a produción local se o Concello impulsa xunto cos comerciantes das prazas de abastos unha marca, unha etiqueta específica para os produtos da nosa contorna e lles ofrece esta posibilidade ás persoas que se dedican á venda do rianxo. Unha vez máis, o proxecto Come Ourense podería ter unha implicación directa neste senso, con guías de boas prácticas que axuden a conseguir unha produción de maior calidade.

Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

1.- Instar ao goberno galego a facilitar o rexistro no REAGA das persoas pequenas produtoras que venden alimentos nas prazas de abastos e nos mercados periódicos (feiras) directamente ao consumidor, nun epígrafe específico adaptado ás tradicionais características da venda de rianxo.

2.- Instar ao Goberno do Estado a regular un tipo específico e reducido de cotas á Seguridade Social e de fiscalidade para as persoas pequenas produtoras que venden alimentos nas prazas de abastos e nos mercados periódicos (feiras).

3.- Promover desde o Concello, en diálogo co sector, a creación dunha marca específica que valorice a produción de alimentos frescos locais, seguindo as bases do proxecto Come Ourense.

Ourense, outubro de 2014

MOCIÓN PARA APOIAR A VENDA DE PROXIMIDADE NAS PRAZAS DE ABASTOS DE OURENSE