Moción para constituír unha Comisión Informativa sobre as empresas vinculadas á Pokemon
O levantamento do segredo do sumario da operación Pokemon contra a corrupción que dirixe a maxistrada de Lugo Dª Pilar de Lara Cifuentes, ademáis de provocar que a través dos medios de comunicación a poboación se escandalice pola corrupción sistémica que parece aflorar na maioría das cidades galegas, tamen repercute na perda de confianza nas institucións democráticas e en xeral no descrédito da política.
Os representantes políticos no Concello de Ourense debemos facer algo máis que respostar aos medios de comunicación e a xente que pola rúa pregunta sobre este tema. Dende o BNG queremos que se constitúa unha comisión informativa sobre as concesións municipais ás empresas que aparecen na operación POKEMON, para que, na medida das nosas posibilidades e atribucións, podamos aclarar as dúbidas que xurden ás veciñas e veciños de Ourense e axudar a erradicar as posibles prácticas fraudulentas antes de que cheguen a producirse.
Como no resto das cidades galegas o BNG de Ourense tamén defende unha total transparencia no esclarecemento do que esta a pasar coas concesións públicas e a necesidade de depurar todas as responsabilidades políticas necesarias.
Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Que se constitúa unha Comisión informativa municipal sobre as concesións en Ourense ás empresas que aparecen na operación Pokemon.
Ourense, febreiro de 2014