MOCIÓN SOBRE AS MATRONAS NO SERVIZO DE ATENCIÓN PRIMARIA EN OURENSE

MOCIÓN SOBRE AS MATRONAS NO SERVIZO DE ATENCIÓN PRIMARIA EN OURENSE

A Organización Mundial da Saúde expresa o papel fundamental que desenvolven as matronas en relación á saúde das mulleres reducindo o risco de defunción durante o parto e proporcionando atención esencial despóis do mesmo.

A existencia destas profesionais, unha conquista da loita das mulleres polos seus dereitos sexuais e reprodutivos, dota á sanidade pública dunha atención específica para o coidado da muller e a crianza, a capacitación de pais e nais para a participación no período de xestación, parto e lactancia, o coidado e recuperación física da nai, a atención da crianza recén nacida, a información sobre a planificación familiar e todos aqueles aspectos relacionados coa sexualidade e reproducción das mulleres e os coidados que requiren.

Na actualidade existen 11 matronas de atención primaria nos centros de saúde na provincia de Ourense , o ratio de matrona/nº de mulleres é de 1/15.806. No Concello de Ourense, para unha poboación de 26.059 mulleres en idade fértil (mulleres 14 a 49anos) hai en atención primaria 5 matronas, 4 traballando no centro de saúde Nóvoa Santos e 1 no centro de saúde de Valle Inclán, de baixa dende outubro de 2012.

Por mor desta situación, a calidade do servizo e a atención ás mulleres que o demandan estan moi por baixo das necesidades e das demandas da cidade. A centralización desta atención provoca colapsos nunhas instalacións que resultan insuficientes para a demanda, a saturación do servizo e sobrecaga de traballo para as matronas que provoca falta de tempo e impide que o seu traballo se realice nas mellores condicións posíbeis. Problemas que se multiplican nos meses de vacacións, nos que tampouco se substitúen as matronas o que provoca a desatención das usuarias.

O Concello de Ourense ten desenvolvido numersos programas encamiñados a fomentar, entre outras cuestións relacionadas cos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, a lactancia materna e a coeducación coa implicación equitativa de pais e nais na crianza. Todos estes programas non se poden levar a cabo con garantías se o Servizo Galego de Saúde non garante un número adecuado de matronas no servizo de atención primaria.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

1.- Demandar da Xunta de Galiza que se substitúa á matrona do Centro de Saúde Valle Inclán, de baixa dende o 2012.

2.- Demandar da Xunta de Galiza que se substitúa á matrona do Centro de Saúde de Pereito de Aguiar, xubilada en maio de 2013 para evitar que a poboación que atendía siga sendo derivada ao centro de saúde Nóvoa Santos en Ourense.

3.- Demandar da Xunta de Galiza que as matronas de atención primaria sexan substituídas durante as súas vacacións para garantir que se mantén o servizo nesas datas.

4.- Demandar da Xunta de Galiza que se abran as listas de contratación para as matronas coa finalidade de dar cobertura inmediata a todas as baixas, xubilacións, vacantes, licencias ou permisos que se produzan.

Ourense, xuño de 2013

MOCIÓN SOBRE AS MATRONAS NO SERVIZO DE ATENCIÓN PRIMARIA EN OURENSE