MOCIÓN SOBRE AS AXUDAS ECONÓMICAS DO CONCELLO DE OURENSE ÁS ANPAS DOS CENTROS PÚBLICOS DE INFANTIL E
A Concellaría de Educación está negociando un convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e a Federación provincial de asociacións de nais e pais de alumnos pertencentes a centros públicos de primaria e infantil para o desenvolvemento dos programas e actividades educativas complemententarias.
Trátase de axudas económicas que se están negociando directamente coa federación provincial sen que, nin por parte do Concello nin da federación, se consultasen os termos do convenio coas asociacións de nais e pais que conforman a federación. Isto mesmo é, ademais, discriminatorio para as anpas que non estean integradas nesa entidade provincial.
As prestatarias dos servizos son as anpas, posto que se encargan da xestión dos comedores e mais da organización da acollida temperá e das actividades extraescolares que se desenvolven en cada centro escolar. Son, ademais, as que coñecen as peculiaridades de cada centro, as necesidades que presentan dada a súa dimensión e o que demandan as familias.
Tendo en conta que a finalidade destes servizos é facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, as familias, a través dos seus representantes, deberían ter capacidade de decisión.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS
1. A paralización da sinatura do Convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e a Federación de Asociacións de nais e pais de alumnos de centros públicos de Ourense para o desenvolvemento dos programas e actividades educativas complementarias nos colexios de ensino de primaria e infantil do Concello de Ourense.
2. A constitución dunha comisión que estea formada por representantes de todas as anpas dos colexios públicos de Ourense, estean integradas ou non dentro da Federación provincial de anpas, coa que a Concellaría de Educación negociará os termos do convenio para o próximo curso.
Ourense, xuño de 2013