MOCIÓN SOBRE O REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ

MOCIÓN SOBRE O REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ

No pasado pleno ordinario de decembro do 2014, o Bloque Nacionalista Galego presentou unha proposta para o debate e a creación dos distritos na cidade de Ourense. Tratábase dunha proposta encamiñada a aproveitar as ferramentas que a lexislación vixente recolle para a participación da cidadanía na vida municipal.

Malia que o Concello de Ourense xa conta cunha ferramenta útil para a participación das veciñas e os veciños nunha parte da vida municipal, como é o Regulamento de participación cidadá aprobado no 2006 que habilita mecanismos para facer propostas, expresalas en instancias municipais e para a participación en todos os asuntos da vida pública da cidade, cómpre revisar moitas das cuestións que nel se inclúen para a súa mellora.

O BNG impulsou, tanto no seu labor desde o goberno (nas reunións mantidas coa veciñanza previas aos procesos de humanización dos barrios, no impulso do diálogo coa cidadanía a través das diferentes áreas de goberno, etc.) como desde a oposición (reunións mantidas para abordar o PXOM nos diferentes barrios, reunións e debate cos veciños e veciñas sobre as ordenanzas municipais, xuntanzas con asociacións e colectivos para falar sobre os orzamentos municipais, impulso da participación de colectivos sociais en diferentes comisións, etc.), a participación das veciñas e veciños da cidade na vida municipal, levando ademais propostas de numerosos colectivos para o seu debate no pleno. Porén, para o BNG, a cidadanía debe ter a capacidade de interlocución directa coas institucións e ser protagonista da vida pública, algo que só se consegue a través de mecanismos de participación reais cara aos que se pode camiñar mellorando os que actualmente existen.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguintes

ACORDOS

1.- Garantir o cumprimento do Regulamento de participación cidadá no seu artigo 8, apartado 2, que di que “Ás xuntas de área do Concello poderá asistir con voz un representante dos cidadáns para se informar dos asuntos de interese xeral e do seu ámbito de actuación. Será nomeado polo alcalde a proposta da federación de veciños polo período dun ano ou tempo que se estableza na proposta.”

2.- Iniciar un proceso participativo para a modificación do Regulamento de participación cidadá no que se aborden, polo menos, os seguintes aspectos:

- Rebaixa das porcentaxes do censo requiridas para a presentación de iniciativas populares.

- Introdución da figura dunha consulta popular local sen as restricións da LRBRL e cun formato propio para a cidade.

- Garantir un mecanismo polo que as propostas achegadas polas veciñas e veciños sexan públicas e poidan ser coñecidas e consultadas por parte de toda a cidadanía.

- Revisión dos criterios para solicitarlle unha audiencia pública ao alcalde.

- Estudo da incorporación das federacións veciñais á Comisión especial de suxestións e reclamacións delegada do Pleno do Concello de Ourense.

Ourense, xaneiro de 2015

MOCIÓN SOBRE O REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ