MOCIÓN SOBRE O ESTADO DO PATRIMONIO ARBÓREO DE OURENSE
As árbores non soamente forman parte da nosa paisaxe senón que integran o noso patrimonio colectivo, así o entende o Bloque Nacionalista Galego e así o entenden todas as veciñas e veciños que nos últimos meses están a vivir con preocupación as actuacións do Concello de Ourense en relación coa corta e poda das árbores da cidade.
Casos como o da Praza das Mercedes, na que tivo que realizarse unha actuación de urxencia, en palabras do PSOE, para atallar a enfermidade da práctica totalidade de árbores da contorna e que, aínda hoxe, non sabemos se resistirán a enfermidade que padecen; ou como a das árbores do parque do Pazo de Xustiza; os chopos da rúa doutor Temes que se cortaron a pesar de que soamente un deles estaba enfermo ou os cipreses da rúa Barros Sibelo, amosan unha nula planificación que desemboca na falta de mantemento e a enfermidade irreversíbel de moitas das nosas árbores e mais unha nula preocupación polo desenvolvemento de políticas de conservación e protección dese patrimonio natural.
Pero non son só os casos extremos de cortas e podas senón o propio estado de moitas das árbores da cidade, nomeadamente nos parques, o que leva a preguntarse cantas máis acabaran enfermas ou rabenadas de non se tomaren medidas urxentes para a conservación e protección do patrimonio arbóreo do Concello de Ourense.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguintes
ACORDOS
1.- Realizar unha análise que determine o estado das árbores dos diferentes parques e rúas da do Concello de Ourense co fin de elaborar un plan de actuación para o seu mantemento e conservación, aberto á participación das organizacións ambientais da cidade.
2.- Catalogar o patrimonio arbóreo da cidade de Ourense para a súa conservación e protección.
3.- Nos casos en que as circunstancias técnicas indiquen a necesidade de substitución de árbores, que estas se realicen con especies autóctonas.
Ourense, xaneiro de 2015