MOCIÓN RELATIVA Á SITUACIÓN DA EMPRESA UNITONO SITUADA NO PARQUE TECNOLÓXICO DE OURENSE ANTE O ANUNC
O BNG defende condicións dignas de emprego na nosa terra, e considera imprescindíbel que se melloren tamén as condicións de traballo no sector do telemarketing para garantir salarios e condicións xustas. E hoxe máis que nunca, no Concello e no noso país, a defensa de emprego digno pasa por defender os actuais postos de traballo.
A empresa de telemarketing Unitono situada no Parque Tecnolóxico de Ourense dá traballo na actualidade a 140 persoas. Esta planta da empresa Unitono presta os seus servizos para a empresa eléctrica Gas Natural Fenosa. Nas últimas semanas estase a negociar un ERE para a totalidade do cadro de persoal de Unitono Ourense consistente, fundamentalmente, en drásticas reduccións de xornada, que en moitos casos farían inasumíbel para as traballadoras e traballadores a súa vinculación laboral.
O máis grave a xuízo do Grupo Municipal do BNG é que á vista dalgunhas decisións de Gas Natural Fenosa, consistentes en derivar cara outras empresas de telemarketing parte de carga de traballo asignada a Unitono Ourense poderiamos estar ante o preludio dunha eventual deslocalización desta planta. Esta situación sería especialmente grave en primeiro lugar por tratarse dunha empresa que xera a súa electricidade en base aos nosos recursos naturais sen que eso até agora teña reportado ningunha vantaxe comparativa para os galegos e as galegas. Por outro lado, tendo en conta que gran parte das persoas usuarias dos servizos de Unitono Ourense son galegas, o feito da súa deslocalización impediría, de facto, que poidesen seguir recibindo atención na nosa lingua propia.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS
1. Realizar as xestións oportunas coa empresa Unitono co fin de determinar as razóns da presentación do ERE, a situación da empresa en Ourense e se en función da carga de traballo de Gas Natural Fenosa existe algún perigo de deslocalización.
2. Realizar xestións con Gas Natural Fenosa a fin de que garanta a carga de traballo necesaria para o mantemento da empresa Unitono en Ourense e dos 140 postos de traballo actualmente existentes, exercendo para tal fin todas as medidas de presión necesarias.
3. Que no caso de que non se garante por parte de Gas Natural Fenosa a carga necesaria para manter a viabilidade de Unitono en Ourense e evitar a posible deslocalización, este Concello cancelará todos os contratos de suministro eléctrico que teña suscrito con Gas Natural Fenosa.
4. Instar á Xunta de Galiza a que actúe, nun sentido similar, para evitar a deslocalización de Unitono Ourense.
Ourense, xullo de 2013