MOCIÓN SOBRE A URXENTE NECESIDADE DE ACTUACIÓN NA REDE DE SANEAMENTO EN VELLE
As veciñas e veciños de Velle levan moitos anos con problemas na súa rede de saneamento. Non son os únicos habitantes do perímetro rural de Ourense que padecen estes problemas, pero a situación actual desta parroquia é máis preocupante pola sucesión de avarías e fallos de funcionamento nas infraestruturas e canalizacións das augas fecais, que provocan que unha boa parte dos vertidos deste poboado núcleo acaben no río Miño, logo de atravesar distintas fincas de cultivo. De feito, a Confederación Hidrográfica é perfectamente coñecedora desta agresión medioambiental e por iso reitera as sancións ao Concello polos vertidos recorrentes ao río.
Pola súa banda, a Xunta de Galicia comprometera en febreiro de 2009 un investimento de 1.672.205 euros para a mellora do saneamento e depuración de augas residuais en Velle, a través dun convenio asinado entre o Concello e a Consellería de Medio Ambiente, cando aínda era Conselleiro Manuel Vázquez Fernández (Pachi Vázquez). Desgraciadamente para os habitantes de Velle, pasaron as eleccións e o investimento non chegou a realizarse.
O actual grupo municipal socialista incluíu no seu electoralista Plan de Investimentos 2014-2015 unha partida de 1.825.620,41 euros para a eliminación de fosas sépticas e construción de EDAR en Velle, iso si, programou a súa realización para o segundo exercicio do Plan, 2015, sen moitas probabilidades reais de levalo a cabo.
O certo é que segue pasando o tempo e as veciñas e veciños de Velle non ven solución ás súas carencias na rede de saneamento, denunciando a actitude discriminatoria do Concello respecto a esta parroquia. Agora é difícil xestionar grandes investimentos no Concello de Ourense pero a actual situación orzamentaria si permite atender as reparacións e melloras de urxencia que precisa este servizo básico e fundamental, e exixirlle á concesionaria do servizo que acometa as reformas necesarias antes de que a situación poida agravarse aínda máis. De feito, no Pleno de novembro de 2012 aprobouse unha modificación orzamentaria cos votos a favor do BNG na que se dotaban como créditos extraordinarios 385.311,43 euros para "Obras de abastecemento e saneamento" (N130.1610.6270), que aínda non se executaron.
Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Que o Concello de Ourense acometa con urxencia as reparacións e melloras necesarias na rede de saneamento de Velle para reducir os impactos medioambientais e paliar no posible a actual situación.
Ourense, setembro de 2014