O BNG propón un concurso de traslados para dotar de persoal a Casa da Mocidade

O BNG propón un concurso de traslados para dotar de persoal a Casa da Mocidade

O BNG solicitou hoxe ao grupo de goberno que defina as necesidades de persoal da Casa da Mocidade para proceder a un concurso de traslados entre o personal do Concello para abrir esta instalación que leva máis dun ano rematada e pechada.

Ante a inoperancia da Concellaría de Persoal e a falta de iniciativa do alcalde de Ourense, o grupo do BNG rexistrou hoxe unha nova proposta para procurar solucións ao peche da Casa da Mocidade. As nacionalistas solicitan a Persoal que adscriba os postos de traballo que necesita o Espazo Lusquiños definindo horarios e necesidades e proceda a un concurso de traslados entre as-os empregadas-os do Concello.

casa-da-mocidade-da-ponte

Ximena González, concelleira do BNG, sinalou que “facemos o traballo que debería facer o goberno, se non poden ou saben contratar que fagan un concurso de traslados, hai traballadoras-es que solicitan segundas ocupacións, sabemos que hai xente que quere atender o servizo do Espazo Lusquiños pero outra vez falan de problemas sen aportar solucións, esta podería ser unha”.

O grupo municipal do BNG que xa sinalou a necesidade de reorganizar a RPT do Concello para poder argumentar as necesidades dos diferentes servizos fai agora unha proposta para que, con medios propios, o Concello abra un espazo fundamental para a mocidade de Ourense cada día máis limitada no acceso a espazos de encontro. Ximena González denuncia que “xa non é só porque se fixera un investimento de 600.000 €, que tamén, o preocupante, o inaceitábel é que a incompetencia do goberno furta á mocidade un espazo chamado a ser referencial, impide que os grupos dispoñan dun espacio magnífico para desenvolver as súas actividades, e todo son excusas”.

Ante esta situación de parálise na búsqueda de solucións, o BNG fai unha nova proposta a un grupo de goberno “desnortado, paralizado e sen solucións para ningunha das dificuldades coas que unha se atopa cando decide facer política para mudar o estado das cousas e non mera xestión” en palabras da concelleira nacionalista.

O BNG propón un concurso de traslados para dotar de persoal a Casa da Mocidade