A indecisión do equipo de goberno pon en perigo o Plan de Emprego
O documento do Plan de Emprego elaborado e acordado polos axentes sociais e as forzas políticas do Concello en perigo polo reparo da intervención municipal
A CIG, UXT, CCOO, a CEO, a representante dos autónomos, a Universidade, PSOE, PP e BNG apoiaron un texto con propostas concretas para fomentar a creación de emprego de calidade no Concello de Ourense. Un texto analizado pormenorizadamente por todas estas institucións e que conseguiu o acordo unánime en torno á proposta do BNG sobre a necesidade de crear unha caixa de crédito local.
Este reparo da intervención vai retrasar a aprobación do plan de emprego a pesar de terse acordado por unanimidade na xunta de voceiros, a proposta do BNG, que unha vez recibido ese informe fora convocado de xeito inmediato un pleno extraordinario para a súa aprobación.
Sen entrar a valorar o informe da intervención, o BNG considera un erro do goberno a decisión adoptada hoxe na reunión convocada polo alcalde para entregarlles aos voceiros unha copia do informe da intervención. O Plano de Emprego e as súas medidas, avaladas por todos os axentes sociais que participaron do debate, é unha necesidade urxente para a cidade de Ourense, paralizada económicamente.
Ante esta situación o alcalde tiña dúas posibilidades, a fácil e por tanto a menos valente era a que escolleu: convocar unha xunta de voceiros para o próximo venres na que se analicen as diferentes posturas dos grupos municipais ao respecto, grupos que xa avalaron as medidas ao elaborar a proposta, a outra opción, unha decisión política valente que apoiaría sen fisuras o BNG, era a de convocar un pleno extraordinario para aprobar o Plan de Emprego tal e como se acordara.
Unha vez máis a falta de claridade política e de capacidade de xestión do grupo de goberno leva a esta cidade a ver paralizado un importante proxecto, cun financiamento de 3 millóns de euros, que conta co respaldo de grupos políticos e axentes sociais.