O PSOE presenta un PXOM inexecutábel e lesivo para os intereses da cidadanía

O PSOE presenta un PXOM inexecutábel e lesivo para os intereses da cidadanía

Segundo apuntou hoxe o grupo municipal do BNG, o plan xeral elaborado polo goberno do PSOE é lesivo para os intereses da cidadanía ourensá polo que serán milleiras as alegación que as veciñas e veciños presentarán para poder reestablecer os seus dereitos.

Lembrou o portavoz nacionalista, Xosé Somoza, que cando o BNG votou a favor da aprobación provisional do plan foi para que puidera saír a exposición pública e para que así a xente coñecera en qué situación quedaban as súas fincas e vivendas.

Considera o BNG que máis ca un plan pechado é un borrador dado que xa se presenta coa idea de que vai receber un grande número de alegacións, algo que tamén confirmaba o propio alcalde cando se presentou ao público. Neste senso, non deixa de ser un despropósito que o grupo de goberno presente un documento que obrigará ás veciñas e veciños a presentar alegacións sabendo de antemán que moitas delas van ser aceptadas como acontecerá cos núcleos rurais, onde a delimitación que propón o PXOM é moito máis restrictiva que o que establece a propia lei autonómica. Porén, aqueles que non teñan coñecemento e polo tanto non manifesten disconformidade verán as súas fincas inutilizadas para poder edificar.

ourense

Outro dos aspectos que destacou Somoza foi que unha gran maioría das terrazas e balcóns das vivendas da cidade quedan fóra de ordenación, así como moitas plantas de edificacións que se construiron segundo planeamentos anteriores pero que con este PXOM tamén quedarían fora de ordenación. Esto trae como consecuencia que haberá moitas dificultades para obter licencias de ampliación, rehabilitación ou mellora, pois só se concederían se levan aparelladas as reformas pertinentes para adecuar a edificación á ordenanza, ademáis da diminución da tasación dunha vivenda con esta calificación urbanística ou os posibles atrancos para conquerir financiamento con unha garantía hipotecaria fora da ordenación legal.

Outra das trabas que o BNG lle pón a este plan é que é inexecutábel dado que recolle cuestións futuras que precisan de consenso entre distintas administracións e que a día de hoxe manteñen posturas irreconciliables, por exemplo no tema do AVE. Tamén é inviábel a tan pregonada Ronda Bulevar que coa coxuntura actual será moi difícil de executar por promotores privados, sen financiación bancaria para desenvolver proxectos que precisan de investimentos de varios millóns de euros, polo que o crecemento reducirase aos polígonos de solo urbano non consolidado.

Por outra banda, xunto ao apoio ás alegacións veciñais, o BNG tamén presentará as súas como organización que terán a ver, entre outras, con proxectos como o Corte Inglés ou as torres da Chavasqueira que se alonxan fodamente da nosa idea de cidade.

Por último, o BNG quer animar as veciñas e veciños a presentar alegación e para iso contarán co noso apoio á hora de tramitalas. Estaremos á súa disposición polas mañás na oficina do Concello de 9:00 a 14:00 e polas tardes no local comarcal da rúa Concordia nº 29- 5º en horario de 17:00 a 20:00 horas.

O PSOE presenta un PXOM inexecutábel e lesivo para os intereses da cidadanía