O BNG presenta alternativas á pésima xestión do PSOE
O traballo do BNG aporta credibilidade fronte ao despiste e a falta de acción do goberno local
Son 6 meses de oposición constructiva nos que o BNG traballou tentando levar á práctica o seu programa electoral. A través de 16 mocións e varias emendas ás propostas do resto dos grupos, os nacionalistas teñen posto enriba da mesa alternativas á xestión dun PSOE que goberna a golpe de improvisación. Dende o mes de novembro debatéronse 35 mocións das que se aprobaron 26 -das aprobadas 15 presentóunas o BNG. Tamén se aprobaron as 11 emendas que os nacionalistas presentaron ás propostas do resto dos grupos.
Este traballo, en palabras do portavoz Xosé Somoza, é o que nos da credibilidade porque os veciños e as veciñas de Ourense saben a quen teñen que acudir para resolver os seus problemas. As propostas presentadas polo BNG nestes 6 meses centráronse na mellora do desenvolvemento da cidade e a vida diaria das persoas que a habitan (expropiación do solar das Burgas, axudas ás ITE's) medidas para combater as políticas neoliberais do goberno central e da Xunta (mantemento da paga extra) e iniciativas de carácter social e de apoio aos mais necesitados (gratuidade do autobús para as persoas desempregadas).
Moitas iniciativas do Grupo Municipal centráronse no rexeitamento ás medidas que os gobernos do Partido Popular en Madrid e na Galiza están adoptando para afrontar a crise.
A concelleira Susana García apuntou que dende o Concello de Ourense o BNG reivindicou medidas para a creación de emprego, o mantemento dos dereitos fundamentais e dos servizos públicos.
Neste senso, as mocións presentadas polos nacionalistas tiveron como protagonistas aos afectados polos desafiuzamentos -creación da comión na que participan as afectadas- as persoas afectadas pola estafa das Preferentes, ás vítimas da violencia de xénero, a defensa do ensino público, dos usuarios das liñas do tren de proximidade e da nosa lingua, entre outros.
Pola súa banda, a concelleira Ximena González fixo fincapé no papel que deben desempeñar as institucións, e neste caso o Concello de Ourense , como ferramentas para mellorar a vida e acadar a felicidade das persoas. A xestión dos cartos públicos debe encamiñarse a resolver as graves situacións nas que viven moitas familias ourensás. Así as propostas presentadas polos nacionalistas acadaron o apoio para prestar atención psicolóxica aos maiores, para que Ourense se inclua dentro da rede de cidades amigábeis cos maiores e para desenvolver a ordenanza de Equidade dotando á concellaría de Igualdade de recursos económicos e humanos para que o plan de Equidade sexa unha realidade.
En canto ao futuro máis inmediato a acción política do BNG pasa polos orzamentos para o 2013. Neste capítulo defenderemos que se centren na promoción do emprego, a reactivación económica da cidade e as políticas sociais.
Tamén o BNG estará moi pendente do PXOM dado que é o documento que vai definir a cidade que teremos no futuro.
Ximena González destacou o papel que debe xogar a cidadanía como partícipe para mellorar a pésima xestión que fai o PSOE que goberna dun xeito improvisado e sen planificación. A participación social debe servir para transformar as institucións alonxándoas dos xulgados e do espectáculo que ao fin e o cabo non aportan nada para mellorar a calidade de vida das persoas.
Por último, o Grupo Municipal quixo destacar que tanto dende a oposición coma no goberno os nacionalistas sempre traballamos con propostas constructivas e que as persoas son sempre o centro das nosas alternativas.
Ourense, 11 de abril de 2013