Presas presenta “Tren digno para o interior” demandando un servizo ferroviario público e galego
O BNG anuncia unha campaña de concienciación entre as veciñas de Ourense co obxectivo de modernizar as liñas ferroviarias
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou a campaña a prol dun servizo ferroviario digno para o interior de Galiza. A deputada de Ourense non Parlamento de Galiza, Noa Presas, demandou as transferencias en materia ferroviaria co obxectivo de crear un servizo público que mellore as prestacións e favoreza á vertebración económica, social e territorial do interior do país.
A campaña do BNG preséntase baixo o lema “Tren digno para o interior. Mellora dos servizos ferroviarios XA!” co obxectivo de concienciar á sociedade ourensá das carencias en canto ao transporte ferroviario que se ven agravadas a cada ano que pasa. Un menor número de paradas, un menor número de frecuencias horarios e unha suba nos prezos do billete: son algunha das características que sofre o transporte ferroviario na provincia de Ourense.
A deputada no Parlamento de Galiza por Ourense, Noa Presas, recalcou que as políticas centralistas de PP e PSOE no goberno do Estado provocaron o baleirado de servizos ferroviarios en Ourense e primaron a conexión con Madrid “en lugar de dar servizo ás necesidades da poboación ourensá”. Os prezos do Avant A Coruña-Ourense son, para a deputada nacionalista, absolutamente abusivos e até un 60% superiores aos que se pagan nas conexións da franxa atlántica. “Os horarios e servizos atenden ás conexións con Madrid en vez de conectarnos coas vilas da provincia de Ourense ou mesmo coa cidade de Lugo, que é case inexistente esta conexión”.
“Dende o BNG demandaremos nos plenos municipais das vilas e a cidade, ao igual que demandaremos no Parlamento de Galiza coma no Congreso das e dos deputados, que haxa unha modernización da rede, así coma o traspaso das competencias ferroviarias” indicou Presas. Recalcou a existencia dun proceso de “progresiva privatización dos servizos que teñen que ser públicos como a atención ao cliente ou o servizo de venda presencial dos billetes de tren”.
“A estación de tren do Carballiño carece dunha atención ao público. A ventanilla está pechada e mercar un billete ou solicitar información na propia estación non é posíbel” afirmou a concelleira do BNG no Carballiño, Sofía García. Dende a localidade carballiñesa, o BNG reclamou unha modernización da rede ferroviaria e a aposta por un tren galego (GALTREN) de proximidade “que conecte as principais cidades do país pero tamén as principais vilas coma O Carballiño”. Asemade, García reclamou que se “manteñan os servizos presencias de venda de billetes nas estacións para que a veciñanza poida ter acceso á información e sexa unha atención de calidade” ademais de que os servizos ferroviarios volvan a ser públicos.
Asemade, a deputada Noa Presas demandará da Xunta de Galiza o compromiso con estas demandas así como a elaboración, con base ás súas competencias en materia de consumo, dun informe propio sobre a discriminación nas tarifas e sobre as demandas existentes e mellora no territorio para remitilo ao goberno central. Instarán tamén a un plan de renovación dos trens que circulan por Galiza, especialmente dos rexionais que circulan entre Vigo e Ourense ou Santiago e Ourense polo seu gran deterioro e constantes avarías.