Isabel Pérez, e o fotógrafo Xurxo Lobato, inauguraron a exposición O país das vacas
A concelleira de Cultura e Turismo, Isabel Pérez, e o fotógrafo Xurxo Lobato, inauguraron a exposición O país das vacas. A obra busca ser un tributo visual á vaca, explicar como vive, de que vive e quen vive dela, e pór en valor o sector gandeiro galego.
A exposición, patrocinada por Larsa e que poderá visitarse en Ourense ats o 30 de abril, conta con 132 imaxes da autoría do fotógrafo galego que foxen do bucolismo para adoptar un carácter divulgativo que sitúa á vaca como referente do desenvolvemento rural. A mostra pretende contribuír con estas imaxes a que a cidadanía tome conciencia da riqueza económica e social que a vaca xera en Galicia.
Unha visión completa sobre o aproveitamento económico da especie, dende a tecnoloxía aplicada nas granxas, ata as vacas como obxecto de investigación nas universidades, que pasa pola a variedade de razas autóctonas, a industria láctea e a da carne, ou a gastronomía, e que se complementa cun tributo ao animal que é icona cultural galega. Así, aparecen na exposición de Lobato vacas de pasarela, pero tamén aquela vaca que Castelao cría merecente de estampar o papel moeda galego como símbolo da nosa economía humanamente distribuída.
A exposición, en módulos moi visuais, complétase coas reflexións que arredor da vaca fan recoñecidas firmas galegas, entre elas as de
Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente Real Academia Galega;
Manuel Rivas, escritor;
Ramón Villares, presidente Consello da Cultura Galega;
Rosalía Mera, presidenta Fundación Paideia;
Enrique Sáez, presidente Fundación Juana de Vega;
Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea;
Miguel Anxo Seixas, gandeiro e vicepresidente da Fundación Castelao;
José Luis Gómez, columnista de El País;
Felipe Senén, académico;
Antón Losada, profesor Ciencia Política;
Amancio Liñares, escritor;
Xusto Sánchez Varela, gandeiro;
Higinio Mougán, de AGACA;
Xosé Turnes, director de Progando;
Xosé A. Fraga, divulgador científico;
José Armando Tellado, director xeral Larsa;
Xesus Ferro e Pedro Benavente, co-autores do libro Vaca;
José Ramón Justo Feijoo de Boaga;
Luis Antonio Vázquez de ternera galega;
Flavio Morganti, restaurador; e Fátima Otero, crítica de arte.
Tras o seu paso por Ourense, a exposición poderá verse en Vilagarcía de Arousa, Semana Verde de Galicia en Silleda, Vigo, A Coruña, Pontevedra e Lugo.
Ourense, 12 de abril de 2012.