MOCIÓN SOBRE ACCESIBILIDADE

MOCIÓN SOBRE ACCESIBILIDADE

En 2013 Ourense sumouse á Rede de Cidades Accesíbeis, pero como en moitas outras ocasións esta declaración de intencións non foi acompañada de unha folla de ruta para planificar as melloras necesarias que fixeran de Ourense unha cidade accesíbel.

Unha das primeiras medidas imprescindíbeis para traballar no fomento da accesibilidade é a creación dun Plan que estableza a análise da situación da cidade e propoña accións e actuacións dirixidas a cumprir o obxectivo proposto. Neste sentido tanto o BNG como asociacións e organizacións sociais que traballan no ámbito da accesibilidade reclamamos do Concello a necesidade de comezar a traballar neste sentido.

A pertenza de Ourense a esta rede de Cidades Accesíbeis implica unirse a un espazo de reflexión e análise para aprofundar en proxectos, crear iniciativas e ideas conxuntas e ofrecer unha visión crítica ás actuacións realizadas, ou polo menos así se presentou o proxecto. É necesario, por tanto, crear en Ourense espazos de análise e diálogo no que conflúan as institucións, asociacións e organizacións sociais que traballan no ámbito da accesibilidade. Débense crear mesas de traballo para tratar cuestións específicas como poden ser as paradas dos buses e se responden ou non ás necesidades, a accesibilidade aos edificios municipais, a accesibilidade nos parques, etc.

Asociacións e organizacións sociais que traballan no ámbito da accesibilidade e comerciantes da zona histórica reclaman unha revisión dos criterios que se empregan no PERI para a adaptación dos locais aos criterios de accesibilidade, en varias ocasións se teñen presentado propostas que dende o Concello se responden negativamente sen aportar alternativas para que os locais podan ser adaptados. Cómpre facer unha revisión desta situación que impide a adaptación dos locais perxudicando ás persoas con discapacidade.

Nos últimos tempos ademais detectouse que as pasarelas do transporte urbano para o acceso de persoas con dispacidade non están funcionando correctamente, o propio Concello de Ourense comezou unha labor de inspección da actual concesionaria neste sentido. Para asegurar criterios de accesibilidade na futura concesión é importante abrir a participación ás asociacións que traballan neste ámbito e que podan consultar os criterios definidos polo Concello antes de que se fagan definitivos, para aportar a súa experiencia e propor as melloras oportunas.

O traballo no ámbito da accesibilidade tamén pasa pola súa normalización e neste caso tamén a linguaxe xoga un papel esencial. Dende o 2009 o termo ‘minusvalid@’ foi substituído polo de ‘persoa con discapacidade’, termo recollido na lexislación estatal e internacional como a nomenclatura de referencia. Poren, en Ourense aínda se mantén nos sinais de tráfico das prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida unha nomenclatura que debe ser modificada e adaptada aos usos da linguaxe inclusiva.

A accesibilidade é pois un traballo colectivo que debe fomentarse e realizarse coa participación de amplos sectores sociais, as persoas implicadas e as que traballan nese ámbito e que debe aplicarse de xeito transversal nas políticas municipais.

Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1- Crear un Plan de Accesibilidade para o Concello de Ourense.

2.- Revisión do PERI da Zona Histórica para ampliar os criterios de accesibilidade.

3.- Crear mesas de traballo municipais convocando ás asociacións e organizacións sociais que traballan no ámbito da accesibilidade para a resolución de problemáticas e a proposta de alternativas en temas de accesibilidade.

4.- Invitar ás asociacións e organizacións sociais que traballan no ámbito da accesibilidade a que coñezan e fagan propostas ao prego de condicións da concesión do transporte urbano para 2015, co obxectivo de garantir que se contemplen todas as necesidades de accesibilidade.

5.- Mudar os sinais de tráfico das prazas de estacionamento para persoas con discapacidade que actualmente empregan a nomenclatura de ‘minusválidos’

6.- Esixir o cumprimento das medidas de accesibilidade contempladas na lei na concesión de licencias de actividade

7.- Instar á Xunta de Galiza a que revise e corrixa a accesibilidade aos centros de saúde do Concello de Ourense.

Ourense, maio de 2014

MOCIÓN SOBRE ACCESIBILIDADE