MOCIÓN CONTRA A PRIVATIZACIÓN DA XESTIÓN DA PRAZA DE ABASTOS DA PONTE
Os mercados municipais constitúen unha referencia urbanística, histórica e incluso turística de primeira magnitude en moitas cidades do mundo. No caso de Ourense, temos a vantaxe de contar con dous edificios, como consecuencia da anexión do Concello de Canedo en 1943. O Mercado municipal da Praza de Abastos nº1, inaugurado en 1935, e o Mercado do barrio de A Ponte (Praza de Abastos nº2) que foi obxecto durante os últimos anos dunha rehabilitación integral grazas a xestión desenvolvida polo BNG cando tivo responsabilidades de goberno.
Os mercados rehabilitados son lugares onde conflúen turistas e potenciais clientes dos establecementos, que prefiren escoller os seus alimentos nestes espazos tradicionais fronte a supermercados e centros comerciais. Os mercados da Boquería en Barcelona ou de San Miguel en Madrid son exemplos da rehabilitación urbanística pero tamén da reactivación social que teñen provocado as novas dinámicas comerciais destas cidades, con milleiros de clientes que prefiren optar por estas fórmulas de comercio de proximidade. A estes exemplos, podemos sumarlles outros moitos, tanto dentro do noso país como o de Pontevedra, reformado polo arquitecto Cesar Portela no 2003, como fora (Bilbao, Santander, Valencia, Leeds, Toronto, Tokyo, New York). Na inmensa maioría deles dáse tamén un mesmo modelo de xestión, no que son @s propi@s praceir@s, a través de asociacións, comisións ou representantes delegados elixidos democraticamente, @s que dirixen a explotación destes edificios comerciais públicos.
Ese é o modelo que o BNG quere para o rehabilitado mercado da Praza de Abastos da Ponte, un edificio público que sexa xestionado polas propias concesionarias e concesionarios dos establecementos comerciais, tal e como sucede no outro mercado da cidade. Un edificio público que impulse a actividade económica, pero que tamén permita a reactivación social e promova a sostibilidade do sistema alimentario na nosa cidade, a través das canles curtas de distribución e da explotación da nosa agricultura urbana e periurbana.
Este non é o modelo que poida defender unha xestión privada do mercado, unicamente interesada na maximización dos beneficios e que estamos seguros que provocaría máis problemas na xa difícil xestión do Concello, con frontes abertos practicamente con todas as grandes concesións: lixo, axuda no fogar, mantemento espazos verdes, ORA e guindastre, limpeza, etc. O modelo ten que ser outro, unha concesión dos establecementos a autónomos e pequenas empresas, introducindo nos pregos administrativos cláusulas sociais e que, logo, a xestión sexa levada polas propias persoas concesionarias.
Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Que o Concello de Ourense inicie o procedemento para a concesión dos diferentes establecementos comerciais da Praza de Abastos nº2 da Ponte, introducindo nos pregos administrativos cláusulas sociais, e que os mesmos pregos determinen a xestión directa do mercado municipal ou indirecta mediante concesión á cooperativa, asociación ou calquera outra fórmula xurídica que aglutine @s comerciantes deste mercado.
Ourense, maio de 2014