MOCIÓN SOBRE A CONCESIÓN ADMINISTRATIVA DA CAFETERÍA ANEXA AO HOTEL SAN MARTÍN
A cafetería anexa ao Hotel San Martín é un espazo de titularidade municipal que está xestionado de xeito privado mediante unha concesión administrativa que se adxudicou no ano 1969 e ten unha duración de 50 anos, polo tanto está vixente até o próximo ano 2018.
Hai uns meses realizáronse neste espazo unhas obras non autorizadas e, desde entón, pasou a ser xestionada por unha sociedade diferente da que se fixera cargo até daquela.
O grupo municipal do BNG solicitou información sobre o estado da concesión en repetidas ocasións na xunta de área correspondente. A información non foi facilitada polo concelleiro responsable alegando que se perdeu o expediente da concesión e unicamente se facilitou a vista do expediente urbanístico que se tramitou con motivo da remodelación da praza na que se sitúa, que desde entón se coñece co nome de Xardín Xaponés.
Ante o desleixo do concelleiro responsable, solicitóuselle información ao alcalde a través dunha pregunta no pleno do mes de abril e mais cun escrito presentado por rexistro ao día seguinte á celebración do pleno. A contestación segue a ser a mesma, que o expediente da concesión está extraviado.
Durante este tempo no que o grupo de goberno alega descoñecemento do tema a concellería cambiou de titular e a nova concelleira manifesta que tamén descoñece as condicións nas que se produciu o cambio de titularidade da xestión da cafetería.
Así pois, ante a falta de información e o descoñecemento por parte do grupo de goberno da situación na que se atopa a concesión administrativa deste espazo correspondente á cafetaría anexa ao hotel San Martín, e pola relevancia que ten, dada a súa localización na zona máis céntrica da cidade e que se trata dunha concesión que ten vixencia até o ano 2018.
Lamentábelmente para o funcionamento democrático da institución temos detectado nos últimos tempos que a únicas vía para conseguir información é a constitución de comisións informativas compostas polos grupos municipais nas que se pode citar a funcionarias.
Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Que se constitúa unha comisión informativa para determinar a situación da concesión administrativa da cafetería anexa ao Hotel San Martín, as circunstancias nas que se produciu o cambio na xestión, a posibilidade ou non de facelo sen publicidade
Ourense, maio de 2014