Moción sobre axudas económicas para a realización das Inspeción Técnicas de Edificios
Texto íntegro da Moción:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A inspección Técnica das Edificacións (I.T.E.) é unha medida de prevención no marco dunha cultura de rehabilitación do patrimonio construído que tenta evitar o despoboamento ou o deterioro dos barrios actualmente consolidados, como expón a Ordenanza reguladora do deber de conservación, da inspección técnica de edificacións e da declaración de ruína do Concello de Ourense.
Esta ordenanza, derivada en Galiza do artigo 200 da Lei 9/200, do 30 de decembro de ordenación urbanística e protección do medio rural, que obriga a os Concellos a inspección periódica das edificacións para determinar o seu estado de conservación, foi aprobada xa hai máis de dous anos e os resultados son preocupantes, pois segundo os técnicos municipais só o 15% dos máis de 3.500 edificios suxeitos á inspección cumpriron a normativa a pouco máis de un mes de que remate o prazo, xa prorrogado durante un ano, o próximo 31 de decembro de 2012.
As solucións que se ofrecen desde o goberno municipal son unicamente coercitivas, pois só se anuncian as posibles sancións por infraccións urbanísticas leves con multas de 300 a 6.000 euros e se expón que non contar coa I.T.E. impediría a concesión de ningunha outra axuda, aínda que os inmobles se atopen dentro do ámbito do PEPRI ou das ARI.
A situación de crise económica afecta en gran medida a moitas persoas propietarias de estes edificios que non por falta de información ou descoñecemento, se non por incapacidade de asumir o custe da inspección ou por medo a que este proceso lles obrigue a efectuar reformas moito máis valiosas deciden simplemente non atender aos requirimentos efectuados polo Concello.
O grupo municipal do BNG considera que deben establecerse desde o Concello medidas reais que intenten paliar este problema, creando os mecanismos acaídos para que a crise económica non afecte máis aos que menos teñen.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS
1.Prorrogar ate o 31 de marzo de 2013 o prazo límite para a realización da I.T.E. dos edificios construídos antes de 1911 e obrigados á presentación da mesma.
2.Aprobar unha Ordenanza reguladora das bases polas que se outorgarían axudas ás persoas propietarias ou inquilinas de reducida capacidade económica para a realización das inspeccións técnicas de edificacións.
3.Establecer como criterio xeral de concesión das axudas o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) per cápita da unidade de convivencia e como criterio específico de prioridade a acreditación dos efectos que a crise económica ocasionou nesas unidades de convivencia.
4.Habilitar os fondos necesarios nos orzamentos de 2013 para cubrir estas axudas que alcanzarían nos casos de maior necesidade ata o 50% do importe das facturas realizadas polos técnicos competentes.
5.Estudar a posibilidade de inserir nos orzamentos de 2013 novas axudas para a execución de obras derivadas das inspeccións realizadas con resultado desfavorable.
Ourense, 26 novembro de 2012
[ Descargar Mocion ITE - Pleno 7-11-12 ]