MOCIÓN SOBRE A CREACIÓN DUNHA TARIFA ELÉCTRICA GALEGA

MOCIÓN SOBRE A CREACIÓN DUNHA TARIFA ELÉCTRICA GALEGA

O sector enerxético ten para Galiza un valor estratéxico, polo que representa no seu Produto Interior Bruto e por ser un factor relevante para a produción industrial.

A pesar desa importancia, Galiza apenas contou con capacidade para deseñar e aplicar unha estratexia enerxética propia, orientada a un aproveitamento endóxeno dos seus recursos enerxéticos. Ao longo de anos, por decisións políticas, Galiza foise especializando na xeración de electricidade. Dese xeito, desempeñou un papel de centro subministrador de enerxía eléctrica para o resto do Estado español, con base no seu potencial hidroeléctrico e nos xacementos de carbón, acrecentado posteriormente co desenvolvemento do aproveitamento eólico e biomasa, e tamén coa construción de dous ciclos combinados de gas natural.

Porén, e a pesar de que a xeración eléctrica leva aparellados uns moi importantes custos sociais e ambientais, Galiza non tirou proveito desta actividade económica. Pola contra, ao estar sometida a un marco regulatorio e tarifario común en todo o Estado español, ás decisións adoptadas polas empresas eléctricas que actúan en réxime de oligopolio a través dos seus centros de decisión afastados de Galiza, nunca recibiu vantaxes do aproveitamento dos seus recursos, mesmo sofre en amplas zonas do país unha deficiente calidade da subministración eléctrica.

No que atinxe á homoxénea política tarifaria, hai que subliñar que a tarifa eléctrica que se paga en Galiza inclúe peaxes de solidariedade interterritorial, como é o caso dos custos extrapeninsulares (Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla) que, no ano 2013, foron de 1.800 millóns de euros, cantidade pagada pola vía das tarifas eléctricas.

No Estado español impúxose o criterio dun sistema eléctrico único e de tarifa única, prexudicial para Galiza ao tratar por igual aos consumidores dos distintos territorios, sen ter en conta a súa achega como produtores de enerxía. Porén, na nova Lei do sector 24/2013, cuestiónase esa tarifa única, non con base nesas razóns de poder compensar mediante a tarifa aos territorios que sofren os prexuízos ambientais de produciren enerxía, senón para penalizar as comunidades autónomas que impoñan impostos ambientais, ao recollerse a posibilidade –aínda sen desenvolver- da creación de suplementos territoriais onde houber impostos propios da actividade eléctrica (como en Galiza). Isto é, queda aberta a posibilidade a que en Galiza paguemos aínda máis cara a electricidade por termos actividade de xeración no propio país. Como diciamos, fica totalmente pechada calquera posibilidade de termos unha tarifa propia que nos permita ter vantaxes por ser un país produtor de enerxía, como acontece en diversos estados europeos onde existen tarifas diferenciadas por territorios.

Neste sentido, Galiza debe demandar unha tarifa máis baixa (unha redución nas peaxes do 30%), para que realmente exista un beneficio económico, para favorecer o consumo doméstico dunha poboación que ten as pensións e os salarios entre os máis baixos do Estado español e, tamén, para posibilitar o seu crecemento industrial.

A política sobre a tarifa eléctrica do Estado é un exemplo de despropósitos, agravado pola filosofía da reforma enerxética aprobada en 2014 polo Partido Popular que se asenta na premisa de considerar a enerxía eléctrica como un ben de consumo ordinario, suxeito exclusivamente á libre competencia e ao poder do reducido oligopolio de empresas eléctricas, no canto de considerar a electricidade un ben básico para a calidade de vida da persoas e do desenvolvemento económico, que debería estar intervido polo sector público e vetado a especulacións e negocios abusivos. Todo isto provoca que as tarifas eléctricas no Estado español sexan as terceiras máis caras para o consumo doméstico e as oitavas para o industrial, segundo unha comparativa de Eurostat sobre 30 estados europeos.

Isto débese a dúas cuestións. A primeira, as peaxes ou custos fixos do sistema, porque nelas se recollen cantidade de conceptos que non deberían estar soportados pola tarifa eléctrica, entre eles: custos extrapeninsulares, primas de capacidade, primas ao carbón español, moratoria nuclear, primas renovábeis, etc., partidas que debería estar nos orzamentos do Estado español. Sería máis xusto fiscalmente e rebaixarían o prezo final da tarifa eléctrica.

Tamén é relevante o prezo da electricidade no mercado por xunto, que retribúe do mesmo xeito –sempre ao prezo da máis cara, a todas as tecnoloxías de xeración que funcionan en cada hora do día, sen distinguir os custos reais de produción, o que provoca uns hiperbeneficios para determinados sistemas, en concreto a hidráulica e a nuclear, o que provoca unha suba artificial dos prezos.

O último exemplo desta errática política enerxética é a situación creada respecto de grandes consumidores en Galiza, grandes empresas situadas no noso país por ser a súa actividade dependente da electricidade que, durante anos se viron sometidas a continuos cambios regulatorios ditados desde Madrid, sen contar para nada cos intereses do país. Desde a supresión en 2009 da tarifa G4, que era específica para empresas como ALCOA, até a regulación do sistema de interrompiblidade, cuxo sistema de poxa anual implantado polo PP desde finais de 2013, a través da nefasta reforma eléctrica, supón un modelo perverso pola súa cadencia anual, o que implica que moitas empresas non realizarán investimentos de modernización nas súas factorías ao non teren un sistema tarifario estábel. Mesmo afecta á competencia leal, pois provoca que empresas do mesmo sector produtivo poidan ter prezos de electricidade moi diferentes.

O escenario de tarifa eléctrica diferenciada, como diciamos anteriormente, non é o único que existe en Europa ou nos USA. Tamén no caso do Estado español, na actual proposta de peaxes eléctricas realizada polo Goberno central, logo dun pacto co Goberno de Euskadi, recolle o cambio de definición das redes de alta tensión para que teñan collida unha parte moi significativa da rede de distribución vasca, que neste caso é singular, o cal vai permitir a partir de 2015 uns prezos máis baixos para a industria de EuskalHerria, nunha rebaixa que se estima nun 15% nas peaxes e nun 12,5% no termo de enerxía.

No caso de Galiza, existen sobradas razóns para nos dotarmos dunha tarifa eléctrica propia que, ademais, evite a nosa desindustrialización.

Por iso, o grupo municipal do BNG, solicita do Pleno da corporación municipal a adopción dos seguintes:

Acordos

1. Instar á Xunta de Galiza a demandar do Goberno Español a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega que, atendendo á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade, rebaixe as peaxes das tarifas nun 30%, tanto para o consumo doméstico como para as empresas.

2. Instar á Xunta de Galiza a modificar a Lei 2/2012 de 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias co obxectivo de definir a figura de persoa consumidora vulnerábel para adoptar as medidas axeitadas que garantan a subministración eléctrica.”

Ourense, xaneiro de 2015

MOCIÓN SOBRE A CREACIÓN DUNHA TARIFA ELÉCTRICA GALEGA