MOCIÓN SOBRE A CREACIÓN E O REGULAMENTO DE ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DOS DISTRITOS DO CONCELLO

MOCIÓN SOBRE A CREACIÓN E O REGULAMENTO DE ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DOS DISTRITOS DO CONCELLO

O Regulamento orgánico de goberno e organización do Pleno e a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións do Concello de Ourense, establece no seu Título IX, artigo 107, relativo aos Distritos, que “A participación cidadá e a creación de distritos ó que se refire o artigo 128 da Lei 7/1985, así como seu específico réxime orgánico e xurídico é obxecto de regulamento independente”.

O artigo ao que fai referencia da Lei 7/1985 Reguladora das Bases de Rexime Local insta aos concellos de gran poboación e as capitais provincias a crear distritos, como divisións territoriais propias, dotadas de órganos de xestión desconcentrada, para impulsar e desenvolver a participación cidadá na xestión dos asuntos municipais e a súa mellora. No mesmo artigo faise referencia á fórmula que debe empregarse para a creación dos distritos e como debe aprobarse unha norma de carácter orgánico que determine a porcentaxe mínima dos recursos orzamentarios da corporación que deberán ser xestionadas polos distritos.

Así, segundo o artigo 123 de esta Lei, é competencia do Pleno a división do Concello en distritos e a determinación e regulación das competencias dos seus órganos representativos e participativos.

Esta fórmula de creación de distritos e a posterior conformación de órganos representativos e participativos, con capacidade para xestionar unha parte non menor dos orzamentos, ten sido empregada en numerosos concellos en todo o Estado e existen exemplos de cidades onde a sociedade civil ten un alto protagonismo no día a día dos organos representativos dos distritos, axudando a achegar a cidadanía á administración local e a incrementar a súa transparencia. Non é cuestión de que a cidade sexa maior ou menor nos seus parámetros demográficos, é cuestión de empregar o que a Lei establece dende 1985 como mecanismo para afondar na participación pública. Se esta é a fórmula haberá que empregala.

No Pleno do mes de maio de este ano aprobouse unha moción presentada por Democracia Ourensana para modificar o regulamento orgánico de goberno e organización do Pleno. Como consecuencia da mesma creouse un grupo de traballo formado por un representante de cada grupo político que xa se ten reunido en diversas ocasións e que pode pronto chegar a un documento de consenso. No marco de esas reunións, o representante do BNG ten expresado a posibilidade de traballar tamen na creación dos distritos e no seu regulamento de organización e funcionamento, chegándose a falar de exemplos noutros concellos onde esta posibilidade da Lei 7/1985 se aplica desde hai tempo. Desde este grupo municipal creemos que sería beneficioso para a cidade que ese mesmo grupo de traballo continuara reuníndose para consensuar unha proposta de creación de distritos e de borrador de regulamento orgánico.

Nos tempos actuais debemos incrementar a transparencia e a participación pública con todos os mecanismos que nos permita a Lei, e este, sen dúbida, é un deles.

Por iso, o BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal, a adopción do seguinte

ACORDO

Que o grupo de traballo constituído para abordar a modificación do regulamento orgánico de goberno e organización do Pleno e a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións do Concello de Ourense, continúe reunídonse tras concluir a súa encomenda con un novo mandato plenario, o de consensuar a creación de distritos do Concello e un posible borrador de organización e funcionamento dos mesmos.

Ourense, novembro de 2014

MOCIÓN SOBRE A CREACIÓN E O REGULAMENTO DE ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DOS DISTRITOS DO CONCELLO