MOCIÓN SOBRE O PLAN TERMAL DA XUNTA DE GALIZA
Xunta de Galiza e Deputación de Ourense veñen de asinar, hai escasos días, un acordo para executar o Plan Termal e impulsar o termalismo nesta provincia. O Presidente Feijóo avanzou que a Xunta tamén desenvolverá unha normativa para o sector que regule e "afonde" na cooperación entre capital público e privado, detallando, na súa comparecencia, o estado dalgunhas obras e investimentos emprendidos no sector, na provincia de Ourense, como as obras no balneario de Cortegada e as da fortaleza de Monterrei, para converter unha parte dela en Parador, e ampliar así a capacidade turística da comarca de Verín. Esta última actuación en concreto, está a xerar un amplo rexeitamento na poboación local que ve como a Xunta proxecta darlle ao capital privado un símbolo identitario tan importante.
Se hoxe estamos a falar de potencial termal é porque en maio do 2008 a cidade de Ourense se converteu no referente termal de Galiza ao aprobar o Parlamento Galego aprobou, por unanimidade, unha proposición non de lei que foi impulsada polo BNG e que pretendía potenciar os investimentos neste sector coa declaración da cidade de Ourense como a Capital Termal de Galiza. Unha declaración referendada co apoio unánime da cámara logo de que o termalismo ourensán vivise un dos seus peores momentos, pois a comezos de 2005, por mor dunhas escavacións non autorizadas asociadas á construción dun balneario, resultou perforado un dos pozos que alimentan as Burgas, secando un dos canos principais das fontes polas que xorden as augas.
O dano que causou a empresa Xardín das Burgas, responsábel da desfeita coa conivencia do goberno municipal do PP, é irreversible, e vai supor para as arcas municipais o pagamento dunha importante cantidade de diñeiro de todos os Ourensáns en concepto de indemnización. Este feito motivou, entre outras cousas, que o BNG, na súa etapa no goberno á fronte da area de termalismo, iniciase o expediente para que a Xunta de Galiza declarase Ben de Interese Cultural o sitio histórico das Burgas, para lle dar garantías xurídicas e preservar o maior patrimonio dos Ourensáns e evitar así que se volvese producir un feito de semellante no futuro.
Tiveron que pasar case seis anos para que o Partido Popular caia na conta do gran potencial termal que posúe esta provincia e poña en marcha medidas para potenciar este sector estratéxico que obedecen a criterios electoralistas. Sobre todo se temos en conta que a máxima referencia termal, a Capital Termal de Galiza, queda excluída desa choiva de millóns, que máis parece un adianto da Lotaría do Nadal que outra cousa.
Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Instar á Xunta de Galiza a que reconsidere as actuacións preferentes do seu Plan Termal, consensuando co Concello de Ourense un anexo de proxectos e investimentos na nosa localidade, declarada pola institución á que representan Capital Termal de Galiza.
Ourense, novembro de 2014