Moción para a implantación dun sistema de compostaxe descentralizada

Moción para a implantación dun sistema de compostaxe descentralizada

O anuncio de SOGAMA de subir un 34% a taxa do lixo confirma que o modelo de incineración é insustentábel a nivel ecolóxico, inviábel a nivel económico e un sumidoiro de recursos e enerxía. Unha estafa á cidadanía galega que dura xa décadas e que agora ameaza con arruinar aos Concellos a través do incremento das taxas.

logoBNGA mellor resposta dos Concellos a este modelo e a esta suba de taxas pasa por implementar un sistema alternativo baseado na redución de residuos xerados, na reutilización e na reciclaxe con modelos como o da Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza e con sistemas de redución dos residuos para o seu tratamento posterior como a compostaxe descentralizada.

Este modelo consta dun plan integral de RSU baseado no principio de máxima valoración dos residuos, cumprindo coa xerarquía de tratamento estabelecida na Lei 22/2011, De residuos e solos contaminados e co Plan Nacional Integrado de Residuos. O sistema de tratamento, cunha capacidade de xestión de 25000 t/ano, consta da implantación da recollida selectiva, a recuperación dos residuos de envases para a súa posterior reciclaxe e a valorización da materia orgánica mediante a súa compostaxe aerobia, eliminando de xeito seguro as fraccións non recuperabeis dos RSU.

O sistema de recollida selectiva implantado nestes concellos inclue contedores específicos para vidro, papel-cartón, fracción orgánica, fracción inorgánica e pilas usadas, xunto cos servizos de recollida de enseres domésticos e de papel-cartón comercial porta a porta. O BNG considera que o Concello de Ourense pode ser o axente que impulse un cambio na súa contorna se se compromete a impulsar, xunto aos Concellos limítrofes, un complexo medioambiental como o da Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza cun sistema de recollida porta a porta e a compostaxe descentralizada para os residuos orgánicos.

Actualmente o Concello de Ourense recibe recursos económicos polos residuos inorgánicos que as veciñas e veciños separan e que teñen unha recollida selectiva e ten que pagar polo transporte e tratamento dos residuos orgánicos que se xeran que ademáis de ser cada día máis caros, son eliminados a través da incineración e o depósito en vertedoiro, constituindo estes os sistemas finalistas da pirámide de xestión do lixo por ser altamente contaminantes e desperdiciar recursos naturais susceptibles de ser reciclados.

En Galiza levase anos realizando exitosas experiencias con programas de compostaxe doméstica descentralizada nas que, coa redución dos residuos enviados a Sogama, os Concellos e a cidadanía aforraron cartos. Estes sistemas van acompañados de programas educativos e de formación e divulgación imprescindíbeis para un cambio de modelo no tratamento do lixo.

O incremento da taxa do lixo do modelo SOGAMA é unha oportunidade para abandonar un modelo contaminante e insustentábel a nivel económico, incormporándose e/ou impulsando modelos baseados nas 3R de probada eficacia ambiental e económica camiñando cada a políticas de residuos cero.

Por todo isto, propoñémoslle ao Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

1- Impulsar, cos Concellos limítrofes, a creación dun complexo medioambiental cun plan integral de tratamento dos RSU baseado no principio de máxima valoración dos residuos. Un sistema de tratamento dos residuos que consista na recollida selectiva, a recuperación dos residuos de envases para a súa posterior reciclaxe e a valorización da materia orgánica mediante a súa compostaxe aerobia.

2- Iniciar no 2014 a implantación dun sistema ambicioso de compostaxe descentralizada na contorna do Concello de Ourense.

Ourense, 9 de decembro de 2013

Moción para a implantación dun sistema de compostaxe descentralizada