Moción polo mantemento dos postos de traballo de T-Solar
Texto íntegro da moción a debate no pleno de xuño de 2013:
Coa chegada do PP ao Goberno de Madrid, sen previo aviso e ningunha negociación coas comunidades autónomas, aprobouse o Real decreto-lei 1/2012 que suprimía os incentivos económicos ás novas instalacións de enerxía renovábel. O BNG defendeu a súa derrogación porque xeraba inseguridade xurídica no sector das renovábeis e supuña un claro freo ao seu desenvolvemento.
A primeira reacción da Xunta ante esta norma foi de comprensión e só meses despois presentou un recurso de inconstitucionalidade. O seguinte paso dado polo PP na eliminación das enerxías renovábeis e polo tanto de todos os postos de traballo que xeran, tanto na fotovoltaica como na eólica, é publicar o Real decreto-lei 2/2013, do 1 de febreiro, de medidas urxentes no sistema eléctrico e no sector financeiro, no que recortan aínda máis as primas á enerxía eléctrica, polo que reincide na vía de facer recaer toda a responsabilidade do déficit tarifario nas primas ás renovábeis, nunha clara aposta polas fontes de enerxía tradicionais, incluída a nuclear, fronte ás renovábeis.
As medidas do Goberno de Rajoy supoñen un pau a territorios como Galiza, con potenciais de desenvolvemento do sector das enerxías renovábeis, que ademais poden ser o motor industrial e arrastrar investimentos asociados. A estratexia enerxética que está a levar a cabo o goberno impide que Galiza poida desenvolver a súa economía e o seu sector enerxético a partir do aproveitamento de recursos renovábeis propios e, en especial, fréase o desenvolvemento fotovoltaico e eólico, de vital importancia nun momento de recesión económica como a que atravesamos, pois a supresión das primas fan inviábel o investimento.
En Galiza podemos exemplificar esta perda de postos de traballo coa empresa T-Solar que representa a segunda maior fábrica de paneis solares do Estado. Esta empresa inaugurada no Parque Tecnolóxico de Ourense en 2008 bota o peche definitivo, presentando un ERE de extinción que afectará aos 170 traballadores/as, despois de ter sido depositaria de axudas públicas do goberno galego e a Deputación de Ourense.
O tecido industrial galego estase desmantelando por completo. Na provincia de Ourense os datos son aterradores e este ERE de extinción supón o desamparo de 170 familias. A decisión do goberno do PP de eliminar as primas as renovábeis ten consecuencias claras e inmediatas na vida das persoas e o desenvolvemento do país.
É urxente unha implicación e actuación pública que, de existiren ofertas de proxectos empresariais, estas sexan analizadas e, no caso de seren viábeis, se garanta o emprego e teñan o acompañamento dos instrumentos políticos e financeiros da Xunta de Galiza.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS
1.- Instar á Xunta de Galiza a garantir o mantemento da actividade na fábrica de T-Solar e a totalidade dos postos de traballo, establecendo os avais precisos, a través do IGAPE ou do instrumento que considere oportuno, para apoiar calquera proxecto empresarial solvente que garanta a viabilidade futura da planta e da súa actividade. Con esta finalidade, a Xunta de Galiza liderará todas as negociacións e xestións que se realicen para a concreción dun proxecto empresarial solvente e dun plan de futuro para a planta de T-Solar no Parque Tecnolóxico de Ourense.
2.- Instar ao Goberno do Estado a modificar a súa política en relación coa eliminación das primas ás enerxías renovábeis, para o cal é preciso modificar as disposicións que no sentido da súa supresión se establecen nos RD-L 1/2012, polo que se procede á suspensión dos procedemientos de preasignación de retribución e á supresión dos incentivos económicos para novas instalacións de producción de enerxía eléctrica a partir de coxeneración, fontes de enerxía renovábeis e residuos, e RD-L 2/2013, do 1 de febreiro, de medidas urxentes no sistema eléctrico e no sector financeiro.
Ourense, 31 de maio de 2013