O BNG urxe a apertura da Casa da Mocidade
Rematada a súa rehabilitación hai máis dun ano, a Casa da Mocidade de Ourense, emprazada no barrio da Ponte, segue pechada.
Foron 670.000 investidos nunha infraestrutura que pretendía converterse nun lugar de encontro para que os mozos e mozas da cidade desenvolvesen as súas inquedanzas ao tempo que se deslocalizaban do centro da cidade as actividade dirixidas aos xóvenes.
O BNG concibe a Casa da Mocidade, e así o explicita no seu programa electoral, como un espazo destinado a acoller a grupos de xóvenes afeccionados á música, danza, teatro ou audivisual, en definitiva, os nacionalistas queren apoiar as manifestacións artísticas dos mozos e mozas de Ourense, creando canles que faciliten o intercambio de ideas e experiencias, así como a difusión das mesmas.
O BNG, que xestionaba Xuventude na anterior etapa do goberno local, non puido abrir a Casa da Mocidade porque se lle dixo que non se podía contratar persoal. Porén, parece que agora as cousas mudaron e non se precisa autorización de Madrid para cubrir as necesidades de persoal cando o servizo así o requira.
O grupo municipal nacionalista insta ao goberno do PSOE a abrir o antes posíbel a Casa da Mocidade, toda vez que xa se solveltaron algúns problemas que apareceran por estar pechada a infraestrutura durante tanto tempo.