O goberno de Ourense despreza o galego
Os feitos avalan o malestar do BNG que quer lembrarlle ao goberno municipal a obriga das institucións á hora de promocionar a nosa lingua.
Os nacionalistas descubriron recentemente como en varios sinais de tráfico da nosa cidade se colocaran pegatinas bilingües, cando ata o de agora o único idioma que se empregaba nelas era o galego. Ademais, nunha recente sentenza, na que un cidadán recorreu unha multa argumentando que non entendía o galego, o xuíz fallou a favor do Concello de Ourense manifestando que un sinal de prohibido aparcar que estea rotulado unicamente en galego non exime do cumprimento desta indicación nin do, chegado o caso, pago da multa correspondente se se cometeu unha infracción. Así o deixa claro a sentenza, moi rotunda, do xulgado contencioso-administrativo número 1 de Ourense, ditada no pasado mes de setembro
Este xeito de actuar está na liña que o partido socialista emprega no Concello de Ourense no que hai un descoido total no uso da lingua por parte deste goberno: nos carteis de obras, nos sinais de tránsito novos que se teñen colocado, no uso da lingua por parte das empresas concesionarias dos servizos e na propia documentación interna do concello, sobre todo en determinadas áreas (urbanismo e facenda). Asemade, a maioría das-os empregadas-os públicos no canto de usar o galego como primeira lingua na comunicación coa cidadanía utiliza o castelán.
A concelleira Susana García cualifica esta chapuza nos sinais como un retroceso importantísimo no uso normalizado do galego por parte deste concello ademais dunha medida sen sentido se se ten en conta que a sentenza xudicial lle sacou a razón á persoa que demandaba. Por outra parte, se o equipo de goberno o fixo para evitar perder recursos contra multas de aparcamento, debería ter en conta que lle sae máis caro indemnizar ás persoas que se lesionan ao caer nas beirarrúas e non por iso se preocupan de arranxalas, ou cando hai que readmitir ou pagar indemnizacións pola mala xestión que se fai do persoal do concello.
Por último, apuntar que xa hai máis dun mes que se pediu a factura destas pegatinas e se reiterou a pregunta no último pleno, mais hoxe o grupo municipal aínda non tivo resposta.